Rosalía en Otero Pedrayo (e III)

Entrar na obra de Rosalía é como entrar no empardecer no xardín deixado dun pazo. Os donos hai tempo que fuxiron cara outro vivir máis mun­dano e brillante. Están pechadas as fiestras indiferentes ao puro florecer dos xazmineiros. Os gra­nitos barrocos da solaina recibiron longamente o agarimo do sol do serán e cubertos de orcelos soñan, na súa nudeza, co tempo xeolóxico en que eran pensativos e ergueitos penedos na liber­dade do coto. No xardín, unha man branca e sen­sitiva, man de dona galega, ordenou como un tema musical, o harmonioso decorrer dos sendeiros. Mais hai tempo que só tripan por elas os pés leviáns das fadas da noite.

Na luzada do día, cando polos ceos se desfolla a branca flor da ialba marabillosa coma a flor das fontes no abrente do San Xoán, o reiseñor e o merlo scherzan na frouma do xardín; o reiseñor quixo co seu canto prender as estrelas e embarcarse na barca da lúa. Mais as estrelas todas morreron enveleñadas na copa cruel do día e o minguante naufragou nas serras bretemosas do Oeste.O merlo máis confiado e humorista, a pesar do seu fatelo de monxe rebuldeiro, scherzando sonatas a un tempo bulreiras e confiadas quixo ser todo o día dono do xardín. Mais axiña calou cando medraba a sombra do alcipreste, e un infindo silenzo feito de lembranzas celtas e de tristeiras esperanzas cubriu as vellas roseiras, os magnolios petulantes, a esdenosa fidalguía dos buxos.

Imaxe inédita de Rosalía de Castro atopada por Ramón Torrado e publicada hai uns días nos xornais Certo e Galicia Confidencial

Para sentir a fondura do silenzo é precisa un voz. E este xardín, mellor que na lanzal ensoñación dos alciprestes, mellor que no verdecer confiado dos laranxeiros fala coa voz da auga eterna e sempre nova, pois a cada instante xorde da entraña da ,terra. Xorde e chora. Non ten consolo nin polo día nin pola noite: baixo o sol a pobriña, que á fin é labrega, sente timideza da luz e da fidalguía do xardín e fala tan baixiño que a penas se escoita. En troques, envolta nos liños do luar ou no infindo misterio da noite e da chuvia, a auga espalla os seus desconsolos. Figura non ter bágoas de abondo para chorar a súa dor. Ás veces ata parece que decorre confiada; só un instantiño; de seguida un afogado salouco racha a hora do solpor e entebre­ce todo o xardín. Camiñamos por el cubertos co loito das novas dores acrecidas polo salaiar da iauga.

Mais enganaríase quen pensar que este xar­dín pecha, coa súa artística tristura e coa súa auga saloucante, o paraíso garimoso para os poetas decadentes. Non o creou o narcisismo da melanconía, Non representa o xogo funeral dunha ialma que se goza na propia morte. Polo contrario, represen­ta a maior realización dun poderoso e enérxico espírito que pola dor trunfa da Morte. Pasarán as roldas de soles e lúas, de estrelas e de ventos de todos os anos do vivir, e as roseiras seguirán desfollándose, o alcipreste soñando e a iauga agurgullando verbas novas.

A dor pode ser un eixe de vivir espiritual e pola dor franquéanse as. máis outas realizacións areladas. Considerade un instanti­ño a terra da que zuga a súa elexía este xardín e os horizontes que o encadran, rexamente, no cerne da Galiza. Onde rematan as orlas de violetas dá principio o pomar. A iauga fuxida do xardín decorre xa calada polo verdecente seo dos lameiros e vai levar un consolo de frescor aos valentes milleirais alapeados polos soles do mes de Sant Iago.As raíces do xardín afondan con lediza no chan mesmo e nel mestúranse coas raíces da carballeira e do souto. As ilusións baixo o penitente alcipreste [que] tomou terra no mesmo leito no que dormen os petrucios e es nenos .da aldea. Un mesmo ceo orballa longamente sobre os buxos. do xardín e sobre os cotos do monte. O xardín vive e sofre na campía. Arrincado dela e volto parque de cidade ou claustro pechado entre arquitecturas, deixaría de sufrir, morrendo.

O que dixemos ao principiar este traballo sobre da ineficacia da crítica, teríamolo que repetir agora con chea xustificación. Rosalía desarma a análise. Fracasan diante dela os métodos, as experiencias, as comparacións. Unha ialma sinxela e forte vai núa polos camiños do mundo soamente vestida coa súa propia esencia e o mun­do todo adquire a forma que lle presta esta esencia do poeta. O menos literario, o menos pensabel que se poida maxinar.

Mais polo mesmo fortalécese a tentación; non se pode vencer esta arela de meditar sobre a ledicia das Follas Novas, dos Cantares, das Orillas del Sar. Pois, segundo escribe Paul Valéry: -«A Estética é unha grande e ata unha invencibel tentación. Como sufrir o sentirse conqueridos por certos aspectos da natureza e das obras dos homes, sen explicarmos esta ledicia casual ou elaborada que figura independente a un tempo da intelixencia e das novas afeccións ordina- rias?». Cóntase que o Beato .Anxélico pintaba axeonllado os cadros místicos. Deste xeito ímonos achegar á obra de Rosalía, non para trazar unha estética, nin un capítulo de historia literaria, non enchendo a sistemática dun programa ou teiman­do establecer unha opinión. Soamente -non abonda o atrevemento?- para alentar algúns instantes no aire que ela respiraba, para seguir no decorrer dos versos a fonte e a fuga dalgún dos seus sentimentos, para ispirnos de toda realidade banal na luz estelar da súa dor.

A maior dimensión líri­ca na arte acádase en Rosalía: non hai ego que subxectivice o mundo en tanto grao como aquel ego saudoso. Pola suprema dignidade do tema entramos nel sinxelamente esquecendo toda a literatura que se ten feito arredor de Rosalía, pois na soedade do pazo aldeán só viven os versos e nós diante eles, sobrecollidos como dediante da ialma inmorredoira da Galiza.

Asoballa a forza do xenio poético de Rosalía. O seu eixo de diamante será dor, pesimismo, melanconía, saudade… Mais esta presente consecuencia do sentimento viste o mundo, e a ialma, o pasado e o porvir. Un sentimento acariñado con mimo, sentido con desespero, ás veces inocentemente burlado, endexamais ausente. Quen dixo nebulosidade, indecisión, medias tintas… e tantas cousas máis? –“Triste é o cantar que cantamos! / Mais que facer se outro mellor non hai?”. Afirmación clara e completa, poderoso convencemento adquirido pola sensibilidade, conciencia viva do ser da poesía. Pouco importa que o verso veña engastado noutras ideas sobre a nova paixón dos mozos. Rosalía fixo da dor a dimensión, a forma e a figura do seu espírito. As Follas Novas nacen no ermo: “Ramallo de toxos e silvas sós / hirtas coma as miñas penas, /feras coma a miña dor”. A paisaxe coma da ialma privada do consolo da felicidade procura a súa expresión na gándara; non gándara pondaliana latexante da infinda esperanza dos pobos, pois Rosalía proxectándose no mundo chega ao cume do lirismo –dicir lirismo é repetir romanticismo- e ten plena fe no título Follas Novas no senso certeiro de que descubría un universo novo que ata ela non tivera na arte completa realización.

Sentía a primavera súa, tráxica, orballada de bágoas, mais tamén amada porque sufrindo vívese. E xa veremos cal foi para Rosalía o único senso da vida. Di como sente o medo da desgraza (“Que vive /e que non se ve. / Que vén e que nunca se sabe onde vén”): hai neste medo tamén un cariz de amor pois, á fin, a desgraza vai con ela, é o seu vivir diario pois “…meu corpo de terra /e o meu cansado esprito,/ adonde quer que eu vaia/ van comigo”. Mais non hai orgullo nesta conciencia. Outros suspiran por algún ben perdido; suspirar por algo perdido ven ser unha esperanza pois o hoxe e o mañá decorren con outros ritmos no tempo interior.

Rosalía non suspira nin arela; ata sabe que a súa dor vivirá con ela despoixa da morte. Non arela outra cousa porque unha vez fixo unha experiencia na que se podería atopar o cerne do carácter de Rosalía. Tiña un cravo cravado no corazón. Non se parou a estudalo. A análise interior non entraba no seu mundo sinxelo e dinámico. Nada menos intelectual: outros grandes líricos isolan, obxectivizan na conciencia as presenzas sicolóxicas; chegan a ollalas fronte a fronte, polo menos un instantiño, ou prívanse delas encarnándoas nunha criatura de arte que vive fóra do autor.

Rosalía é todo ela; a súa forte intelixencia non se separou nunca da sensibilidade que corría en pulos renovados de fondo abisal do ser. Goethe ceibou o seu Wherter polo mundo: un fillo que se olla algunha vez con melanconía que non tinxe a nova obra. Os místicos e os ascetas tallaron a carne do espírito e botaron sobre a mesa da conciencia ósos e nervios, sangue e músculos; alí quedaba o corazón sanguento estudado e como estudado, suprimido.

Rosalía fixo a proba; se non fiou das propias forzas: chamou a Deus. E o cravo foi arrincado: “E seica, / seica tiven soidades/ daquela pena/ ¡Bon Dios!”. E Rosalía seguiu abrazada á dor como san Francisco á cruz: era a vida da súa alma, o sentimento de que aínda viviu. Quixera ter unha alma máis grande; a felicidade non enche, en troques quen sofre: “-Oco non atopa no ferido peito / Porquer a dor ¡enche tanto!”.

Non puido sufrir o balbordo do mundo, nin a propia vitalidade inqueda ¡xa sabía que estaba chamada a ser trono da dor sen consolo! Quedou soia, consigo mesmo, apenas un pouquiño de mundo para que o espírito soubese que aínda habitaba na carne mortal: un mundo do que soamente se oía o roer dun rato e o estralar da ponla no lar, compañeiro das ardentes maxinacións dos solitarios.

A carón dese lume responde a todo intento de consolo: “Mais ve que o meu corazón / é unha rosa de cen follas”. Pouco importa arrincar algunha, están apegadiñas, son infindas. “O corazón me arrincaras /desque as arrincaras todas”. Esas follas da rosa miragreira da ialma foinas arrincando ela mesma, unha a unha, e salferíndoas nos seus versos. Neles están sangrando e chamando unhas polas outras –coa saudade das que ficaron na entraña do corazón de Rosalía!.

Ten ela diante de si a desgraza súa obxectivada: xa non é dor nin saudade, xa non é o mal abstracto, senón a desgraza súa que por un esforzo do lirismo –un pulo requintado de sofrente vivir da ialma só posíbel nun grande poeta –ata chega a ollala fóra de si, personalizada na negra sombra ou na pantasma disforme maior que o ceo e a mar –as dúas representacións da infinitude- e ten un pé nos astros e outro na coba. Estas criaturas asómbranlle o mundo: saen dela un instante sen deixala tranquía. Nestes momentos de lucidez terribel, con que ollos considera Rosalía a súa desgraza corporeizada? Non con fría análise, nin prestándolle un carácter épico; ela sempre muller identificada co sentir sinxelo das almiñas aldeás vea pasar, arredor de si, con medo, cun triste consolo, pois sabe que a desgraza e mais ela, Rosalía, son os únicos actores da escena do mundo e que deseguida volverán a negra sombra e a pantasma disforme a acougaren , enchéndoo, no seu espírito.

Nos poemas que puideramos considerar obxectivos acada Rosalía unha maravillosa técnica na caracterización da desgraza; indican, ben lonxe de toda postura literaria, unha ardente meditación do asunto. “De onde ven?¿Que quer? ¿Porque a consintes, potente Dios, qu’os nosos males miras?”. Ela endurece o corazón, mata a esperanza, fai o baleiro arredor, produce laios ou blasfemias, enturbia o sol, empezoña as fontes, enxoita o mar onde quixera afogar o desgrazado, que ata se sente abandonada pola morte.

Para ela non hai primavera, nin luz, nin calor, nin xequera unha coba tranquila. Vai de ponla en ponla soa como unha pombiña, o vento do outono arrinca as follas coma as esperanzas e “só o sono da morte /o triste dorme en paz”. O que ten non é frío nin doenza, é “a ialma enferma, poeta e sensíbel / que todo a lastima / que todo lle doe”. Para a sandar teríanlle que arrincar o corazón. Aquela roxa estrela nada con ela non a alumeou, ben poidera apagarse, pois o seu tempo sempre vai caindo na eternidade contado por un “Tas-tís!/Tas-tís! pola péndola na noite silenzosa, com’un corazón cheo de doores, e /us tras d’outros istantes silenciosos /pasando van e silenciosos chegan… sin que o porvir velado dos mortais ollos/ rompan as pesadas brétemas”. El ben sabe que a dor sendo a verdadeira dimensión da súa alma identifícase co tempo” […].

[“Romanticismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal” [ed. facsímile], en A paixón e o discurso de Otero Pedrayo: Galicia, A Coruña: Deputación da Coruña, 1998, pp. 71-81].

 Dr. Camilo Fernández Valdehorras

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s