Concello e Deputación de Ourense encabezarán a Comisión institucional proCandidatura de Ourense e rede-Nós de cidades literarias de Galicia á capital europea da Cultura 2020

Asemblea celebrada nas instalacións do Liceo de Ourense

Asemblea celebrada nas instalacións do Liceo de Ourense

A “Asociación proCentenario de Nós 2020” (ApCNós 2020), entidade legalmente constituída en xuño de 2011, mantivo nas últimas semanas varias reunións coa Deputación e o Concello de Ourense coa intención de presentar a cidade de Ourense como cabezaleira á fronte dunha candidatura de toda Galicia, vertebrada na “Rede-Nós de cidades literarias (Pontevedra, A Coruña, Santiago e máis Lugo, Ferrol e Vigo), á Capitalidade Cultural europea para o 2020, ano en que se conmemora a efemérides do centenario da revista Nós, a máis importante da Cultura galega contemporánea. Tanto José Manuel Baltar, presidente da Deputación, como Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, e Isabel Pérez, tenente de Alcalde da cidade, confirmaron a súa total disposición a integraren e impulsaren o proxecto encabezando a Comisión Institucional. Así mesmo, a Universidade de Vigo no seu Campus de Ourense, a través da súa vicerreitora María Lameiras, amosou a súa adhesión e respaldo á iniciativa. A Asociación civil promotora traballa arestora con entidades públicas e privadas de todo o país para que nesa Comisión Institucional participen, ademais, outros organismos, colectivos galeguistas e institucións públicas e privadas, tanto ourensás como do resto de Galicia, do Estado e da diáspora exterior, unidas por un obxectivo común e superior: acadar unha candidatura integradora que vigorice o magno patrimonio literario de Galicia, (latino, galaico e español nucleado polas letras galegas), proxectándoo en España, en Europa e no mundo.

Primeira xunta directiva

Logo dun período preliminar rexido por unha Xestora, dende decembro de 2011 a “Asociación proCentenario de Nós 2020” conta coa primeira xunta directiva, completada recentemente en asemblea. Nela figuran como presidente o profesor e escritor Camilo Fernández Valdehorras e José Eduardo López Pereira, actual director da Acsug, como vicepresidente; o periodista Xosé Lois Carrión, secretario xeral; o avogado Antón Vidal, asesor xurídico, o historiador-xornalista Antón Escuredo, responsable de Comunicación. E nove vogais: Segismundo Bobillo, Xan Rodríguez González, José Antonio Santos, Martiño Ramos, Xosé Ramón Quintana, Christina Moreira, Fernando Román, o tradutor inglés Jonathan Dunne e o profesor norteamericano John Patrick Thomson. O filósofo Victorino Pérez Prieto é o secretario técnico.

Actividades 2012

Sen perder de vista a perspectiva da celebración en 2020 do “Congreso Universal da Cultura Galega”, a ApCNós 2020 está a artellar tamén neste momento un programa de actividades para o 2012 agrupadas en tres fitos: a celebración unitaria en Ourense da conmemoración do “Día das Letras Galegas”, ao redor das figuras de Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, rematado cunha “Gala Internacional das Letras Galegas”; a preparación dun Curso de Verán na UdV-Campus de Ourense sobre “Os nós de Nós e nosoutros”; e a terceira edición do “Día de Nós, Día da Nación-Cultura Galega” para o vindeiro 30 de outubro en que, entre outros actos, se entregará o Iº Premio de Honra Nós á publicidade non institucional en galego.

Baixo as divisas “Por unha Galicia pangaleguista, por unha sociedade de lectores e por unha democracia ética”, a “Asociación proCentenario de Nós 2020” asume como alicerce permanente do seu labor a valorización do legado da Revista Nós (1920-1935), da longa Época Nós (1916-1950) e do seu canon autorial en tres frontes: a democratización social, popularización e divulgación; a revisión crítica, investigación científica e revalorización hermenéutica; e a súa internacionalización e exportación peninsular e europea.


Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s