A xeración e a época “Nós”, unha xente galeguista e cristián (I)

A XERACIÓN E A ÉPOCA “NÓS”, UNHA XENTE GALEGUISTA E CRISTIÁN (I) Victorino Pérez Prieto

 A xeración “Nós” -ou mellor, a época “Nós”, pois supera propiamente os límites dunha xeración- foi a máis senlleira que deu Galiza, o grupo de xente máis cumprida que endexamais traballou por esta terra, este pobo e esta cultura. Se Rosalía, Curros e Pondal forman a trindade dos grandes poetas e escritores, Castelao é o símbolo máis puro do mellor de Galiza, Vicente Risco o primeiro gran teórico do nacionalismo galego e Otero Pedrayo a meirande figura intelectual que deu desta Terra; ao seu carón, compre engadir a Florentino Cuevillas, “o arqueólogo e historiador da raza”, e Ramón Cabanillas “o poeta da raza”. Sen esquecer a Antón Losada Diéguez, “o guieiro”, Antón Vilar Ponte, Vicente Viqueira, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo… e o seu mártir, Alexandre Bóveda. Sen dúbida, foi unha época de esplendor creativo para Galicia. Son “un devoto punto de referencia para aqueles que queiran enrolarse na ringleira dos bos e xenerosos” (X. Chao Rego, Limiar de V. Pérez Prieto, A xeración “Nós”. Galeguismo e relixión, Vigo 1988), e “por eles tamén nós somos nós” (C. Baliñas, Limiar de Pensamento galego. I, Vigo 1977). Todos eles, cada un ó seu xeito, foron galeguistas e cristiáns.

RAMÓN CABANILLAS (1876-1959). O “avó” da xeración, recibe de Carballo Calero o cualificativo de “poeta total”, por calidade literaria e por ser dos máis fecundos da literatura galega (poesía lírica, narrativa e dramática, os temas amorosos, sociais e relixiosos…). Fora seminarista en Compostela e sempre mantivo unha fonda vivencia relixiosa; mesmo ingresou na Real Academia Galega xuntamente co crego Antonio Rey Soto e quixo ser enterrado co hábito franciscano. Cabanillas é un poeta fondamente relixioso, e a súa obra está embebida de relixiosidade; os seus poemas chegan a ser, mesmo, magníficas oracións. En libros combativos como Da Terra asoballada (“O Noso Señor Santiago”), pero sobre todo no poemario Samos, que reflicte a riqueza da simbólica do catolicismo ata chegar, mesmo,  a unha significación mística. Ou en poemas de sinxela relixiosidade como a fermosa “Oración”:

Señor, que baixo o teu manto

nenos mozos e vellos

sigamos os teus consellos,

camiño da eterna Luz; 

e que a túa mao divina

aparte de nós a guerra 

e asente a paz sobre a terra

á sombra sacra da cruz…

 ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ (1884-1929).  Aínda que Filgueira Valverde o chame “filósofo de circia formación” e fale dos seus “orixinais ensaios”, apenas escribiu; pero foi un home clave no galeguismo nacente e tivo unha gran influencia nos galeguistas do seu tempo, particularmente na xeración “Nós”; Otero chámao “apóstolo de mocidades”. Fervente galeguista e crente, tiña a dobre obsesión de galeguizar a Igrexa e cristianizar o galeguismo. Así, di na  alocución “Os católicos e os rexionalistas”:

“Cando se loita por unha nai, non se pregunta de onde veñen os que axudan, e agora estamos a loitar por Galicia… ‘Benaventurados os que teñen fame e sede de xusticia’ dixo o Señor, e famentos de xustiza estamos os galegos” (Xoaquín Losada “Antón Losada Diéguez, un de nós”, Encrucillada 42, 1985).

Otero escribiu no seu pasamento: “Non nos atreveriamos a analizar de que xeito Losada sentí a función histórica do catolicismo. Máis podemos afirmar… que no problema de Galiza coidaba esencial e guiadora a ensinanza do Evanxeo” (Nota de necrolóxica, Nós, 71, 1929). Pero a súa confesión de fe faise, sobre todo, impresionante nunhas liñas escritas do seu puño e letra pouco antes de que o cancro rematase coa súa vida: “Que os meus fillos lean e afirmen, sobre todo o que escribín en materia de relixión e política. Que se convenzan de que o primeiro ideal do home é o ideal relixioso… Que traballen por Galiza … que sexan homes relixiosos e patriotas” (In Xoaquin Losada, art.cit.).

ANTÓN VILAR PONTE (1881-1936). Deputado nacionalista do Partido Galeguista e escritor, viviu intensamente a dobre vocación política e xornalística (El Combate, Tierra Gallega, La Voz de Galicia, A Nosa Terra..). Pero  foi tamén un home crente e un pensador cristián. No discurso laudatorio do bispo Lago González, a quen sucedeu na cadeira da Real Academia Galega, chega a dicir: “O verdadeiro superhome ten para min o seu arquetipo en Francisco de Asís e non en Zaratustra”. Este pensamento queda manifestado en moitos lugares máis da súa obra, sobre todo no ensaio “A lingua das oracións”, sobre a importancia que para el ten a relixión na cultura galega e a alma do pobo; mesmo atopamos nesta magnífico traballo unha confesión relixiosa dun nacionalista de esquerdas:

“O feito de que os galegos, aínda que nunca empregan outro idioma que o que lles dou a natura, nas horas do traballo, das festas e do fogar, na cousa máis espiritualmente íntima da vida, que é a oración relixiosa, áchanse pillados pola pouta dunha hexemonía idiomática estraña que magoa as esencias máis puras da súa alma. Este é un problema serio de abondo que precisamos resolver cantos vimos preiteando rexamente polo cultivo da lingua materna. Para os crentes é un asunto de verdadeira trascendenza. Un pobo que rece no seu idioma, aínda que deixe de empregalo en tódalas outras ocasións da vida, poderá ir á recuperación do mesmo de xeito máis doado que aquel que o fale a cotío en toda ocasión agás no rezo… Non hai incompatibilidade entre a nosa lingua e as oracións relixiosas. Ora precísase divulgar estas e crear outras capaces de seren vitalizadas con indulxencia da Igrexa. Precísase tamén que tódolos verdadeiros galeguistas que sexan crentes lles fagan deprender ós seus fillos, sobriños e irmáns pequenos rezos enxebres, aínda que para o demais empreguen o castelán. Porque conquerida esa suprema intimidade das almas para a lingua materna, desbotado o idioma usurpador da máis fértil leira do esprito de cada galego, o outro virá por engádega. O horto do corazón agarda a mellor semente” (Pensamento e sementeira).

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s