A xeración e a época “Nós”, unha xente galeguista e cristián (II)

RAMÓN OTERO PEDRAYO (1888-1976).

“Abrazarte a ti e abrazar a Galicia”, díxolle Castelao; Manuel María escribe: “Andar pola obra de D. Ramón é andar pola ialma do pobo galego”; e Cunqueiro chega dicir: “Quizaves un tan nobre carballo só se da unha vez na vida dunha nación”. Otero Pedrayo é unha figura realmente titánica, pensador, literato e autor da obra escrita máis copiosa de toda historia galega e sempre un galeguista consecuente. Pero, como escribiu o bispo Araúxo: “A nota esencial de Don Ramón é a relixiosidade; relixiosidade fondamente sentida, fecundante da súa caudalosa obra literaria, vivida coa vontade trascendente para a vida do seu espírito: o seu amor a Galicia e aos homes desta terra” (en  A xeración Nós. Galeguismo e relixión, p.63); e non lle falta razón. Logos xa o calificara como “a máis rexa personalidade leiga do catolicismo galego”. A súa é unha fe fonda e sinxela a un tempo, popular e ilustrada; a fe dun labrego de Trasalba, coa formación teolóxica e a capacidade de análise dun teólogo, como abondei no meu libro sobre a xeración “Nós”.

¿Cales son as notas esenciais do pensamento relixioso de Otero? (Cf. V. Pérez Prieto, “O pensamento de don Ramón Otero Pedrayo”, Grial nº152, 2001):

a) Humanismo cristián. Humanismo, porque a súa obra está feita na percura da totalidade do ser humano, nunha actitude de simpatía, comprensión e tenrura cara ao ser humano real e concreto, á vez que universal. E cristián, porque é un un humanismo que vendo o absoluto do home, non esquece o Absoluto con maiúscula, Deus. A súa era unha unha xenerosidade verdadeiramente existencial, nacida precisamente da entrega ao mundo, especialmente ao ser humano, o máis precioso del. Entrega vital e integral, compaixón fonda polos seus semellantes, vivida na ledicia dun espírito franciscano que lembra a Francisco de Asís, por quen sentía unha fonda admiración.

b) Romanticismo cristiano e liberalismo moral. Otero Pedrayo era home profundamente romántico; pode que se vise  a si mesmo coma “o derradeiro romántico”, tal como reflicte na figura de Adrián Solovio, o protagonista da novela autorreferente Arredor de si.O seu romanticismo idealiza a vella sociedade dos señores, pola súa gallardía fronte aos filisteos, que ridiculizou Risco en O porco de pe. Don Ramón odiaba, como Risco, o cosmopolitismo, o centralismo, o positivismo e o trunfo da razón económica do século XX. “O romantismo de Otero é auténtico, místico e trascendente, no que o lume da paixón aureolaba a luz do pensamento, e o pensamento clarificaba, no posible, a paixón” (Manuel María, “Lembranza de Don Ramón”). Pero sen esquecer que é un romanticismo cristián; preto de Chateaubriand, en quen  bebeu desde rapaz. A fascinación de Otero por Chateaubriand viña marcada por ser un romántico cristián, cunha clara cosmovisión cristiá do mundo e da historia. “De tódalas relixións a cristiá é a máis poética, a máis humana e a máis favorable á liberdade e o desenvolvemento das artes e as letras”, escribe o vizconde (Cf. Dictionnaire de Theologie Catholique). O Ensaio histórico sobre a cultura galega de Otero non discorre por delineamentos moi diferentes dos de Chateaubriand, ao concibir o cristianismo como alma mater e guieiro da cultura galega, non só desde as súas orixes, senón cara ao seu futuro. O romanticismo atípico de Otero ven marcada tamén polo seu talante liberal; un liberalismo moral, máis que político, sen nada que ver co pensamento liberal ancorado no economicismo. O liberalismo de Otero é un liberalismo optimista e tolerante; Manuel María ten escrito tamén: “Otero Pedrayo era un católico militante… Pero non era nada dogmático e o seu espírito estaba cheo de liberdade e comprensión” (La Voz de Galicia 17-V-1988).

b) Ecoloxismo telúrico, vexetal e cósmico. O amor á vida, a todo o sensible, fai de Otero un gozador universal. Gozador da amizade, pero tamén da paisaxe, da natureza; un home intimamente vencellado á terra e ao cosmos, o mundo e o ser humano fúndense nel de xeito singular. O seu amor pola natureza era un amor telúrico e cósmico; un amor fondamente enraizado na terra e aberto á harmonía holística con todo o cosmos. Pero, de novo, todo isto só resulta válido en Otero Pedrayo se lle poñemos de novo o adxectivo cristián. Tense falado do panteísmo de Don Ramón, cunha evidente imprecisión terminolóxica e conceptual. Porque Otero sentíase, certamente, fillo da terra, irmán dos carballos e dos piñeiros, da auga e do río.  Pero o mesmo Otero Pedrayo, ten confesado que este “vencellamento afectivo, físico e espiritual á terra” non esquece a presencia do Deus trascendente, por iso está más próximo ao dos místicos cristiáns que ao panteismo.

c) Galeguismo ético e visceral. O galeguismo de Otero Pedrayo non é outra cousa que o resultado da súa entrega incondicional ao mundo e á vida; mundo e  vida concretados nun pobo e nunha terra cunha historia e unha cultura concretas: Galiza. Un “galeguismo visceral”, como recoñeceu García Sabell. Pero este galeguismo de Otero é, ademais, un galeguismo profundamente ético, que deriva da percepción do drama histórico de Galicia: “Hai unha terra prometida pros galegos: Galiza. Unha terra quer dicir un esprito. Un camiño polo deserto pra conseguila: un tempo de sacrifizo e identidade, de todo-los instantes, de todo-los homes, de toda-las enerxías. Soio se pode chegar a ser universal, é dicir, trunfador do tempo, facéndose donos da terra da redencióm, pra que nela poda nacer a palabra da verdade. Cando Galiza sexa dona do seus esprito, será escoitada po-lo mundo, e outravolta será o fogar a onde acodan os camiños infindos da terra e da mar” (“A terra prometida”, A Nosa Terra, 259, 1929).

c) Cosmovisión relixiosa cristiá-católica. Unha fe sinxela e fonda, popular e tradicionalmente ilustrada, aínda que pasara pola máis moderna reflexión teolóxica, a teoloxía feita desde a crítica histórica e bíblica. A cosmovisión relixiosa cristiá de Don Ramón está no cerne da súa concepción do mundo. Camilo Fernández Valdehorras  escribiu recentemente: “Se non se capta a cosmovisión hermenéutica [católica] que vitaliza e penetra toda a creación oteriana, as súas obras corren o risco de parecer a ollos de honestos lectores ficcións deletéreas… Cremos que que as obras de creación de Otero remanecen cun novo fulgor cognitivo, estético e moral… pulo estético vitalizado polos valores cristiáns como endexamais se ten dado ata nós en lingua galega” (C. Fernández Valdehorras, “O xenio literario do cristianismo galego”,  La Voz de Galicia 1-II-2001).

d) “Deus fratresque Galleciae”: A fe cristiá está na entraña da identidade galega. Galeguismo e cristianismo, intimamente vencellados, son as claves da concepción oteriana manifestadas ao longo de toda a súa obra. Otero interpreta o cristianismo como a alma do pobo galego ó longo da súa historia: “No cristianismo atopou Galiza a verdadeira patria do seu espírito”, repite nas páxinas do Ensaio histórico sobre a cultura galega, sen dúbida, a obra cume do pensamento de Otero (Ver análise da obra en A xeración Nós. Galeguismo e relixión, pp.77-88), que foi saudado desde as páxinas de Logos coma “un limpo canto á catolicidade do noso pobo”. Con razón escribe Carlos Casares: “O panorama do desenvolvemento histórico cultural galego que Otero trazou no Ensaio… non ten equivalente… e a aportación oteriá neste dominio é fundamental. Para ela fixo falta que se deran xuntos a cultura do erudito, a paixón ilimitada do patriota e a fina presentación intuitiva do poeta” (Carlos Casares, op. cit.). Para Otero, a latinización estivo subordinada á cristianización; por iso, o pobo galego asumiu o latín máis polo “imperio da Idea” que “pola forza do Imperio”. Nas cortes republicanas de 1931 tivo unha soada intervención parlamentaria con ocasión da discusión sobre o laicismo do Estado. Defende o ensino relixioso, porque neste país “el catolicismo es algo más que una religión, una psicoloxía”; máis aínda “todos somos en el fondo católicos porque catolicismo significa espíritu de libertad”; aínda que avogue pola liberdade relixiosa cun talante claramente liberal.

Victorino Pérez Prieto

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s