A xeración e a época “Nós”, unha xente galeguista e cristián (III)

VICENTE RISCO (1884-1963).

Foi a cabeza pensante do grupo Nós e o primeiro ideólogo do nacionalismo; así lle foi recoñecido polos seus compañeiros, mesmo por Castelao, que o chamaba “o outro eu” e o recoñecía coma guieiro indiscutible. A súa evolución foi un mollo de altos e baixos, tal como estudiei noutro lugar (A xeración Nós. Galeguismo e relixión), pero o máis xenuino e ricaz de Risco, foi a súa aportación á cultura galega, desde a Teoría do nacionalismo galego e unha ducia de libros máis de ensaio e artigos, ata novelas emblemáticas coma O porco de pe e outras narracións. “Ti dis Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo… -escribe en Leria– Non digas Galicia é ben pequena; es ti, que endexamais poderás concebir nada grande”.  “Ser nacionalista é querer esperta-la ialma dun pobo. Aos nacionalistas é a ialma o que lles importa. -escribe en A ideoloxía do nacionalismo en esquema-. Os nacionalistas galegos debemos estar a favor da ialma de Galiza, anque seña en contra de tódolos galegos”.

Risco era un home relixioso e aínda “hiperrelixioso”, como teño escrito; por iso chega a caer en posturas mesmo supersticiosas, que costa ben caro casalas coa formación intelectual da que deu mostras mais que abondosas. Pero establecerá un íntimo vencello entre a relixión, Terra galega e nación; é un verdadeiro sentimento relixioso o que vencella o pobo galego coa súa Terra,que Risco tenta rastrexar nos grandes poetas galegos, desde Rosalía a Cabanillas. Así escribe en “O sentimento da Terra na raza galega” ( recollido en Leria): “Sentimos a presencia evidente de Deus na nosa Terra, que se nos fai sagrada como unha eirexa, porta da eternidade, tabernáculo da gracia de Deus feita beleza… Eis a arela mística da Raza Galega”.  Vicente Risco chega a dicir que o pobo galego é coma un novo pobo de Deus chamado a salvar o mundo occidental do seu pecado colectivo, manifestado na súa progresiva decadencia por ter vendido a alma ó demo e esquecerense de Deus, co que Risco remata nun verdadeiro “nacionalcatolicismo galego”: “Os pobos célticos ergueranse para cristianizar a nova cultura, para signala co signo da cruz”, escribe en Logos (A xeración Nós… 149-153).

FLORENTINO CUEVILLAS (1886-1958).

Coma Otero e Risco, a súa obra é unha preocupación constante por Galicia, terra e xente, desde os traballos de arqueoloxía e outras angueiras recollidas en  Prosas Galegas. O pensamento relixioso de Don Floro foi sinxelo e rexo, case dunha inxenuidade franciscana. Católico tradicional e ó mesmo tempo liberal, Cuevillas chegou a defender o socialismo, desde algún dos seus artigos: “Eu creo no triunfo do socialismo, porque creo que a sociedade humana é un organismo vivo…. E creo que para a sociedade humana …este ha ser unha cousa útil e boa” (“Dos nosos tempos”,  Prosas Galegas). Galicia e o catolicismo foron os dous eixos da súa vida. Estes dous amores quedan magnificamente reflectidos na súa fermosa “Oración a noso Señor Santiago”: “¿Consentirás, Señor, que Galicia desapareza, que Galicia morra? Mira ao teu derredor os vellos costumes abandoados, mortas as antigas liberades, despreciado o vello idioma …; mira a nosa terra presa de homes que viñeron de fora a roubala e magoala; … mira a triste miseria dos seus fillos, a súa sede de xustiza, e a súa fame de pan…” (en Prosas Galegas).

Victorino Pérez Prieto

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s