Día de NÓS 2012

Programa de actos do Día de NÓS 2012

POR “NÓS”:

unha galicia pangaleguista,

unha sociedade de lectores,

unha democracia ética.

 12,30 h.-13,30 h. Xardíns e Praza do Padre Feijoo, ou Salón Nobre do Liceo-Recreo de Ourense (por imperativos meteorolóxicos).

1. Lectura pública da revista Nós, a cargo dos directivos/as, socios/as e compromisarios da ApCNós2020 . Mantedor: Uxío Novoneira. Lectores convidados:  Sarabela Teatro.

2. Lectura do Manifesto “Ourense 2020: capital galega da Literatura e procandidatura a capital europea da Cultura”. Inicio da campaña de recollida de asinaturas a prol do manifesto.

3. Peche: Himno Galego.

17,30 h.-18,30 h. Camposanto de San Francisco.

1. Ofrenda cívica aos escritores e artistas ourensáns, a cargo da ApCNós2020 e representantes de institucións e entidades locais e provinciais.

2. Roteiro-memorial guiado por Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da “Asociación proCentenario de Nós 2020” co acompañamento musical dun gaiteiro.

En 2010 o Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense, co gallo de se cumprir daquela o noventa aniversario da publicación da revista “Nós” declarou o día 30 de outubro “festa local de interese cívico-cultural” na cidade de Ourense.

Tal fito anual apunta a outro final: conmemorar en 2020 o centenario da revista “Nós” como grande conmemoración da Galeguidade mundial, un evento “pangaleguista” que arelamos cumíe, entre outras iniciativas, coa celebración dun magno Congreso Global da Cultura Galega no que participen todos os sectores concernidos, así da Terra como da Diáspora.

 Arestora a “Asociación proCentenario de Nós 2020” (ApCNós2020), logo das dúas edicións precedentes e consonte os seus estatutos e plans socioculturais, relanza o compromiso de consolidar esta “festa cívico-cultural” da nosa Cultura clásica co presente programa de actos. E faino cun dobre rechamo ás institucións cabezaleiras da cidade e ás entidades públicas e privadas compromisarias: sermos conscientes do magno patrimonio literario-cultural que Ourense e Galicia atesouran; e do imperativo urxente de inverter a tendencia imposta polas trabucadas políticas vixentes de relear recursos públicos para o desenvolvemento dos sectores educativo, mediático e creativo, en especial os relativos á industria tecnocultural, convencidos de que a angueira de investir para democratizar, co debido rigor, a alta cultura e a grande literatura propias en idioma galego é un labor estratéxico a prol da sustentabilidade de Galicia como “nacionalidade histórica”, ou sexa como nación-cultura hispánica, peninsular e europea.

 Alén de relicario das esencias patrias como moitos propalan, a revista “Nós” foi en realidade a primeira enciclopedia científica das Humanidades de Galicia escrita en lingua galega. O “Día de Nós” xorde pois en homenaxe non só memorialista senón revitalista dese patrimonio identitario, exaltándoo no seu conxunto en dous sensos: dun lado, como paideia que guía a alta Cultura galega trenzada nos seis rubros clásicos: geos, (a Terra), cronos (a Historia), etnos (o Pobo), logos (a Lingua) e sofos (o Pensamento) do que a poiesis (as Letras) é a expresión circia, perdurabel e requintada; e doutro, como tradición persoal e colectiva na que arraíza a cosmovisión e a sensibilidade de cada unha das galegas e cada un dos galegos que nos sentimos formantes dunha nación-cultura orixinal da Humanidade.

 Apertados a ese ideario e compromiso os membros da “Asociación proCentenario de Nós 2020” instamos á cidadanía a participar máis unha anada na celebración do “Día de Nós”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s