El que foi do “Día de Nós” e da Nación-Cultura galega?

IMG_20181030_113210_601.jpg

RECHAMO POR SE ACASO Á PROL DO “DÍA DE NÓS”, A NACIÓN-CULTURA GALEGA”

Hai agora nove anos, co gallo da conmemoración do 90 aniversario da revista Nós, o Concello de Ourense e a Deputación de Ourense a proposta da Comisión pro Centenario de Nós 2020 publicaron senllas declaracións institucionalizando na cidade de Ourense a data do 30 de outubro como “Día de Nós, a nación-cultura galega”.
Na case unha década transcurrida ata agora,  os membros da “Asociación proCentenario de Nós…” (ApCNós2020) crémolo e fixemos propias as promesas e as esperanzas organizando sucesivas programacións con mentes de manter viva a conmemoración do “Día de Nós” na cidade como evento de referencia. Así, ano tras ano asumimos en solitario o compromiso de  ir pondo os alicerces preparatorios do tecido sociocultural e da opinión pública (intelectuais, partidos políticos, colexios profisionais, centros de ensino, asociacións civís, sindicatos, etc) cara a celebración en 2020 do Centenario de Nós coa participación social, o esplendor crítico, o proveito paidético e a difusión internacional que o evento esixe. 
Se cadra, para os desinformados non sobexará lembrar que a revista Nós non foi só unha  revista literaria de mérito, ou unha publicación erudita para autoconsumo dun fato de especialistas: foi a primeira enciclopedia cultural escrita en idioma galego da nosa historia. E unha plataforma de creación interxeracional emblemática para os propios contemporáneos por reflectiren as súas páxinas a modernidade do pensamento e da prosa galega como nunca dantes. Próbao o feito que nos seus escasos 13 anos de vida  participaron nela preto de 200 autores de todas ideoloxías políticas e dun amplo abano profisional, con artigos nunha miríada de asuntos e temas que nimbaron Galiza como nación política e cultural  madurecida. Teimando no vello afán de convertela -como Antoíño Faraldo demandara no seu rechamo a prol da “Grande Obra”- dunha colonia excéntrica de Madrid no centro motor de si mesma. “Célula de universalidade”.
Tampouco conviña menosprezar que foi Nós a revista que máis e mellor logrou prestixiar o Galeguismo nazonalista de preguerra co formento do ideario humanista, científico e universalista. Ideario que nutriu o proceso e inspirou a masa crítica da que abrollou o Partido Galeguista en 1931 e o propio Estatuto de Autonomía de Galicia, refrendado en xuño de 1936: proceso do que dimanaron, a través dos pactos da Transición de 1978, os dereitos históricos que fan arestora de Galicia “unha nacionalidade” recoñecida na Carta Magna española que lle outorga o desempeño dunha Autonomía política de seu dentro do Reino de España. E non é xusto invisibilizar, en fin, que foron os “nosianos” quen acuñaron o concepto de Galiza “Nación-cultura” de Occidente, rubricada pola Sociedade das Nacións, condición que a faculta para devir suxeito político pleno, de así o afirmar a vontade da maioría dos seus habitantes.
 
Con todo, alén de todas estas consideracións historicistas, culturais e políticas, o certo é que arestora, dado o escaso éxito na resposta social e o mínimo interese amosado polas institucións locais no acompañamento dos actos, a efemérides do “Día de Nós” está a esmorecer. Sen que ninguén nin ren pareza sentilo na cidade nin, alén dalgúns amigos xornalistas dos medios locais, a bote en falla… 
Daquela, nós que a vimos nacer, convitos da verdade do adaxio que asevera que quen fai o que pode fai o que debe, co gallo deste “Día de Nós 2018” sen programación de actos oficiais nin extraoficiais,  instamos máis unha vez aos ourensáns e ourensás a abriren a consciencia á tradición cultural que atesoura a cidade e facérense responsabeis activos do seu legado cívico por medio do seguinte rechamo:
  1. a afirmar a primoxenitura histórica de Ourense non só na edición da revista Nós en 1920 senón tamén na modernización/ vertebración cultural de Galiza levada a cabo, xunto co “Movemento das Irmandades da Fala”, pola intelectualidade da que chamamos “Longa Época Nós” (1920-1976) encabezada polo insigne Grupo ourensán (Risco, Otero, Losada,  Noguerol, Cuevillas…);
  1. a constituír a non-nata “Comisión Ourensá Procentenario de Nós” sen máis dilación en xaneiro de 2019, a fin de se integrar formalmente con voz e voto propios na organización gubernamental posta en marcha hai uns meses para esa efemérides pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia;
  1. e a instar ás institucións locais (Concello de Ourense, Deputación de Ourense, delegación do Goberno de Ourense…), xestoras dos recursos públicos, a provisión dun orzamento específico en 2019 para levar a cabo unha programación ampla e diversa das Vísporas do Centenario de Nós, destinada ao lecer e ao cultivo dos ourensáns e as ourensás nas excelencias do seu patrimonio.
Ben sabemos que contra o que profetizara o vello Eduardo Pondal, “os tempos non son chegados”, vaiche boa! Pro temos ben aprendido a custa de privacións e escarmentos aquilo que nos ensinou o mestre Risco, xenial director da revista Nós: “Ourense non ten mar, non ten aeroporto, non ten petróleo…. pero tennos a nós”. A ver logo se é verdade.
Camilo F. Valdehorras

Podes ler o artigo en Praza na seguinte ligazón.

http://praza.gal/opinion/4897/el-que-foi-do-dia-de-nos-e-da-nacion-cultura-galega/

Advertisement

Día de NÓS 2016

Día de NÓS 2016.jpgDíA DE NÓS 2016: 30 DE OUTUBRO

A prol da nación-cultura galega

VII edición

Venres, 28 de outubro de 2016

PROGRAMA DE ACTOS

17.30 h – 18.30 h: Ofrenda memorial aos mestres de Nós e aos escritores e ás escritoras ourensáns.

Roteiro literario polas campas das seguintes figuras literarias dos séculos XIX e XX: Valentín Lamas Carvajal, X.A. Saco e Arce, Marcelo Macías, Floro López Alonso-Cuevillas, X.R. Fernández Oxea “Ben Cho-Shey”, Familia Noguerol Buxán, R. Otero Pedrayo, Xavier Prado “Lameiro”, Antón Tovar, Xurxo e Xaquín Lorenzo “Xocas”, E. Blanco Amor e J.A. Valente.

Lugar: Camposanto de San Francisco de Ourense.

19.15 h-19.45 h: “Saúde e Terra, irmá(n)s!”.

Visita guiada á exposición conmemorativa do centenario da fundación das Irmandades da Fala. Cunha laudatio ao “Grupo Nós” ourensán.

Lugar: Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación Provincial de Ourense.

Guía e semblanzas a cargo de Camilo Fernández Valdehorras, profesor universitario e escritor.

ORGANIZA:

Asociación proCentenario de Nós 2020 (ApCNós 2020).

Colaboran:

Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación Provincial de Ourense.

Fundación Uxío Novoneyra

Asociación A Bela Auria

Día de NÓS 2015

Día de NÓS 2015 E

SERMOS CULTOS é SERMOS LIBRES
“Os Pobos soamente son grandes pola súa Cultura”.
“NÓS ha de ser a representación no mundo da personalidade galega na súa ansia de se afirmar como valor universal, autóctono e diferenciado, dentro e fóra da Terra. NÓS ha de ser a afirmasción para sempre do verdadeiro ser de Galiza…”, “Primeiras Verbas”. Revista Nós (Ourense 1920­ Compostela 1936).

Chega a VI conmemoración do Día de NÓS a Ourense organizada pola Asociación proCentenario de Nós 2020. Velaquí tedes a programación:

Ofrenda cívica e memorial literario polas campas dos Mestres de Nós e os escritores de Ourense
Lugar: cemiterio de San Francisco. Xardín de acceso Horas: comezo ás 17,30 h.; remate ás 18,30/19,00 h.
Guiado por Camilo Fernández Valdehorras.
Escritor e profesor de Filoloxía. Presidente da Asociación proCentenario de Nós 2020.
Roteiro memorial dos escritores/as e intelectuais ourensáns/ás que acougan no camposanto de Montealegre, con especial lembranza aos Mestres da revista Nós e da “Época Nós da Cultura Galega” (1916­1936), evocando perante as súas campas valores perdurábeis das súas vidas e Precursores dezanovistas: Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1844­1906); Xoán Antón Saco e Arce (Alongos, Toén­Ourense, 1835­1881); Marcelo Macías García (Astorga, 1843­ Nosianos vintistas: Xosé Ramón e Fernández Oxea “Ben­Cho­Shey” (Ourense, 1896­ Madrid, 1988); Xavier Prado Rodríguez “Lameiro” (Ourense, 1874­1942); Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897­Vigo, 1979); Florentino López Alonso­Cuevillas (Ourense, 1886­1958);
Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888­1976); Arturo Noguerol Buján (Ourense, 1892­ Serantes­Ferrol, 1936); Xaquín Lorenzo Fernández “Xocas” (Ourense, 1907­Lobeira, 1989); Xurxo Lorenzo Fernández (Ourense, 1910­Zaragoza, 1934); José Ángel Valente Docasar (Ourense, 1929­ Xenebra, 2000).

Concerto de 2 na fronteira:
O dúo formado po Carmen Penim  e Maurizio Polsinelli estrea do álbum musical “Sons de Nós” sobre poemas escolleitos de colaboradores da revista Nós (1920­1936).
Lugar: Salón de columnas do Liceo de Ourense Hora: 20,30 h.
Presentación do repertorio de cancións do cd­disco “Sons de Nós”, adicado a exaltar os valores da poesía dos escritores da Época Nós da Cultura Galega, colaboradores da revista Nós (Ourense, 1920­Compostela, 1936).

DÍA DE NÓS 2015 a Nación­Cultura galega – VI conmemoración – venres 30 de outubro de 2015
Por “Nós”: unha galicia pangaleguista unha sociedade de lectores unha nación soberana unha democracia ética.

Organiza: ApCNós2020
Patrocinan: Concello de Ourense e Deputación Provincial de Ourense
Colaboran: Liceo de Ourense, Vicerreitoría da Universidade de Vigo­Campus de Ourense, Fundación Novoneyra e
Grupo AuriaNós

Día de Nós 2013

O vindeiro  30 de outubro cúmprense 94 anos desde que saiu do prelo o primeiro número da revista Nós. Desde a Asociación Pronós2020 celebramos un ano máis esta efeméride singular e central na historia de Ourense. Todas as actividades están abertas ao público, agardamos vervos alí!

29 de Outubro ENCONTRO CÍVICO DA RÚA DA PAZ (antiga Rúa dos Zapateiros)

  • 19.30 h. Encontro de antigos veciños maiores de 80 anos na Livraría Torga (Ventos do Sul)
  • 20.30 h. Paseo cívico pola rúa da Paz (antiga rúa dos Zapateiros)  coa intervención musical da Coral de Ruada de Ourense.
  • 21.30 h. “O feitizo das ruínas”. Xornada de portas abertas da casa natal-vital de Vicente Risco e R. Otero Pedrayo. Número 21 da  rúa da Paz.
  • 21.30 h. Convivio con viño e petiscos. Xentileza e servizo dos hostaleiros da rúa da Paz. Rúa da Paz

30 de Outubro  “DÍA DE NÓS”

  • 17,00 h. Acto festivo e ofrenda floral no Cemiterio de San Francisco:
    •   Lectura da declaración institucional do “Día de Nós” no adro do Cemeterio.
    •   Roteiro memorial e ofrenda floral polo cemeterio en alaudo dos escritores i escritoras da cidade de Ourense, cunha mención especial á Xeración Nós, guiado por Camilo Valdehorras.
  • 21,00 h. “LerNós”,unha noite de literatura, poesía e teatro  coa colaboración de Iria Pinheiro, Celia Parra, Manuel Outeiriño e A RunRun Teatro. Será no Grándola, na Praza de San Marcial.

Día das Letras Galegas, 50 anos

Aquí tedes a programación do Día das Letras Galegas 2013 en Ourense. Queremos compartir con vós este día tan especial no que se cumpren 50 anos de celebración. Música, teatro, debate, literatura e convivencia ao redor da figura de Roberto Vidal Bolaño.

Xardíns do Padre Feijoo

11:00h Inauguración dos actos polo Día das Letras Galegas coa actuación da Aula de Teatro Universitaria Cordelia

12:00h Concerto da Banda Municipal de Música e lectura de textos de Vidal Bolaño

Salón Nobre do Liceo de Ourense

13:00h Concerto do Coro da Universidade de Vigo e da Capela Madrigalista de Ourense

Ambigú das Letras – Patio de Columnas do Liceo de Ourense

19:30h Conversas en torno a Vidal Bolaño

21:30h Cea por un Teatro Popular

22:00h Concerto Tenor de All Latin Jazz e lectura de textos de Vidal Bolaño

Imaxe

Día de NÓS 2012

Programa de actos do Día de NÓS 2012

POR “NÓS”:

unha galicia pangaleguista,

unha sociedade de lectores,

unha democracia ética.

 12,30 h.-13,30 h. Xardíns e Praza do Padre Feijoo, ou Salón Nobre do Liceo-Recreo de Ourense (por imperativos meteorolóxicos).

1. Lectura pública da revista Nós, a cargo dos directivos/as, socios/as e compromisarios da ApCNós2020 . Mantedor: Uxío Novoneira. Lectores convidados:  Sarabela Teatro.

2. Lectura do Manifesto “Ourense 2020: capital galega da Literatura e procandidatura a capital europea da Cultura”. Inicio da campaña de recollida de asinaturas a prol do manifesto.

3. Peche: Himno Galego.

17,30 h.-18,30 h. Camposanto de San Francisco.

1. Ofrenda cívica aos escritores e artistas ourensáns, a cargo da ApCNós2020 e representantes de institucións e entidades locais e provinciais.

2. Roteiro-memorial guiado por Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da “Asociación proCentenario de Nós 2020” co acompañamento musical dun gaiteiro.

En 2010 o Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense, co gallo de se cumprir daquela o noventa aniversario da publicación da revista “Nós” declarou o día 30 de outubro “festa local de interese cívico-cultural” na cidade de Ourense.

Tal fito anual apunta a outro final: conmemorar en 2020 o centenario da revista “Nós” como grande conmemoración da Galeguidade mundial, un evento “pangaleguista” que arelamos cumíe, entre outras iniciativas, coa celebración dun magno Congreso Global da Cultura Galega no que participen todos os sectores concernidos, así da Terra como da Diáspora.

 Arestora a “Asociación proCentenario de Nós 2020” (ApCNós2020), logo das dúas edicións precedentes e consonte os seus estatutos e plans socioculturais, relanza o compromiso de consolidar esta “festa cívico-cultural” da nosa Cultura clásica co presente programa de actos. E faino cun dobre rechamo ás institucións cabezaleiras da cidade e ás entidades públicas e privadas compromisarias: sermos conscientes do magno patrimonio literario-cultural que Ourense e Galicia atesouran; e do imperativo urxente de inverter a tendencia imposta polas trabucadas políticas vixentes de relear recursos públicos para o desenvolvemento dos sectores educativo, mediático e creativo, en especial os relativos á industria tecnocultural, convencidos de que a angueira de investir para democratizar, co debido rigor, a alta cultura e a grande literatura propias en idioma galego é un labor estratéxico a prol da sustentabilidade de Galicia como “nacionalidade histórica”, ou sexa como nación-cultura hispánica, peninsular e europea.

 Alén de relicario das esencias patrias como moitos propalan, a revista “Nós” foi en realidade a primeira enciclopedia científica das Humanidades de Galicia escrita en lingua galega. O “Día de Nós” xorde pois en homenaxe non só memorialista senón revitalista dese patrimonio identitario, exaltándoo no seu conxunto en dous sensos: dun lado, como paideia que guía a alta Cultura galega trenzada nos seis rubros clásicos: geos, (a Terra), cronos (a Historia), etnos (o Pobo), logos (a Lingua) e sofos (o Pensamento) do que a poiesis (as Letras) é a expresión circia, perdurabel e requintada; e doutro, como tradición persoal e colectiva na que arraíza a cosmovisión e a sensibilidade de cada unha das galegas e cada un dos galegos que nos sentimos formantes dunha nación-cultura orixinal da Humanidade.

 Apertados a ese ideario e compromiso os membros da “Asociación proCentenario de Nós 2020” instamos á cidadanía a participar máis unha anada na celebración do “Día de Nós”.

Simposio sobre a Época Nós

O Curso de extensión universitaria/simposio de verán A crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de “NÓS”.  A revista “Nós”, a Época Nós, o legado do “Grupo Nós” ourensán e o patrimonio literario-cultural de Ourense, organizado pola Asociación proCentenario Nós 2020 coa  Universidade de Vigo-Campus de Ourense, celebrouse tal como estaba previsto entre o 25 e o 28 de setembro de 2012,.

Os espazos de ralización das conferencias e mesas redondas cos seus relatorios e comunicacións foron: a Sala Emilia Pardo Bazán e a Aula de Graos do Campus Universitario da UdV-Ourense, o Paraninfo do IES “Otero Pedrayo” de Ourense, o Salón de actos do Liceo de Ourense, e o Auditorio da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba.

O curso desenvolveuse segundo o previsto na programación , ainda que o Programa inicial tivo que sufrir algúns pequenos cambios, debidos a ausencias de ultima hora de algún dos conferencias e relatores. Con todo, non tivo o eco agardado na sociedade ourensá; eses días collida pola operación Pokemon e adetención do alcalde a outros persoeiros do  concello.

Casas natais

A revista Nós imprimiuse no prelo da Editorial Nós de Ánxel Casal en Santiago, entre Abril de 1931 e Nadal de 1935 (números 88-144).

A casa de Otero Pedrayo e de Vicente Risco na Rúa da Paz, en Ourense

A casa de Castelao en Rianxo

Para que Ourense poida ser Capital Europea da Cultura no ano 2020

Os xornais La Región e El Faro de Vigo daban conta no pasado Día das letras Galegas 2012 do encontro institucional e aberto á cidadania que tivo lugar no Liceo de Ourense para a constitución da comisión que avogará porque Ourense poida ser capital europea da Cultura no ano 2020. “Un proxecto –dixo La Región– que pode abrir bocas, tanto pola súa dimensión como polas dificultades que pode acarrear a nivel económico ou de equipamentos. Pero, por riba de todo, atópase a ilusión e a paixón coa que traballan dende hai un par de anos os membros da Asociación proCentenario Nós 2020, entre outros e que pretenden sumar neste mes de maio os avales necesarios entre a cidadanía para constituír unha comisión Ourensá Pro Candidatura Nós á Capitalidade Europea e que contará en todo caso cos apoios do Concello de Ourense e da Deputación”.
Estiveron na mesa: o Alcalde (Francisco Rodríguez), a Concelleira de Cultura (Isabel Pérez) e o Presidente da ApCNós 2020 (Camilo Valdehorras), e entre o público personalidades representantes dos distintos sectores da sociedade ourensá.

Camilo Fernández Valdehorras salientou  que Ourense contabiliza máis de 175 escritores de valía ao longo de 400 anos, como un dos argumentos relevantes para reclamar a capitalidade. A aportación de Ourense á literatura galega é, así, de primerísimo orde, desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo; pois  a literatura galega non ten máis de 500 significados autores. Deste xeito,  como salientou  Camilo Valdehorras, Ourense é “unha potencia en patrimonio histórico-cultural e en patrimonio histórico literario” e conta cunha “historia profunda, firme e fecunda”. Porén, pese aos esfuerzos que se teñen realizado, Ourense aínda arrastra importantes déficits en materia de infraestructuras culturais, e as letras ourensás permanezan á marxe, na periferia do patrimonio histórico cultural da cidade. Tratarase logo traer á luz, visibilizar, valorizar ese magnífico patrimonio histórico-literario. O “pretexto” para a candidatura, a publicación da revista Nós, “é un macrotexto: a primeira enciclopedia científica que tivemos escrita en lingua galega”, recordou Camilo na súa exposición, coa colaboración de preto  de 220 autores, dos que 80 son “as grandes mentes, os grandes pensadores e os grandes escritores da Galicia do século XX”.  “Se eles puideron con menos recursos –dixo Camilo Valdehorras en referencia ao éxito dos escritores do século XX-, nós tamén”.

A concelleira de Cultura, Isabel Pérez, fixo un chamamento para que se sumen á petición tódolos sectores sociais, económicos, culturais, deportivos e educativos do concello; Ourense ten moitas posibilidades para acadar o obxetivo, a pesar de haber outras boas candidaturas á capaitalidade europea da cultura, sempre que se impliquen tódolos sectores.

O alcalde, Francisco Rodríguez, recoñeceu tamén que un proyecto deste calibre “significa mobilizar unha enorme energía, desenvolver un inmenso traballo e dispor de recursos económicos, que nos tempos que corren non é doado aportar”.

Tras numerosas xestións de Camilo Valdehorras e outros membros da Directiva de ApCNos 2020, unhas semanas despois, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, e o presidente da ApCNos 2020, Camilo F. Valdehorras estaban xa dispostos para asinar o acordo institucional e cívico a prol de Ourense e a rede “Nós” de cidades literarias de Galicia como candidatura a “Capital Europea da Cultural 2020”; pero a asinatura demorouse por cuestións burocráticas. Agárdase que tal asinatura se poida realizar nesta primeira semana de xullo.

Foto: JOSÉ PAZ-La Región

Ver a noticia en La Región: http://www.laregion.es/noticia/210027/ourense/aspira/capital/europea/cultura/

Ver anoticia en El Faro de Vigo : http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2012/05/17/constituyen-comision-abogara-ourense-sea-ciudad-europea-cultura/649231.html

Ver en DOCUMENTOS: “Acordo Institucional e cívico a prol de Ourense e a REDE NÓS DE CIDADES LITERARIAS DE GALICIA como candidatura á CAPITAL EUROPEA DA CULTURA 2020”.

A xeración e a época “Nós”, unha xente galeguista e cristián (III)

VICENTE RISCO (1884-1963).

Foi a cabeza pensante do grupo Nós e o primeiro ideólogo do nacionalismo; así lle foi recoñecido polos seus compañeiros, mesmo por Castelao, que o chamaba “o outro eu” e o recoñecía coma guieiro indiscutible. A súa evolución foi un mollo de altos e baixos, tal como estudiei noutro lugar (A xeración Nós. Galeguismo e relixión), pero o máis xenuino e ricaz de Risco, foi a súa aportación á cultura galega, desde a Teoría do nacionalismo galego e unha ducia de libros máis de ensaio e artigos, ata novelas emblemáticas coma O porco de pe e outras narracións. “Ti dis Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo… -escribe en Leria– Non digas Galicia é ben pequena; es ti, que endexamais poderás concebir nada grande”.  “Ser nacionalista é querer esperta-la ialma dun pobo. Aos nacionalistas é a ialma o que lles importa. -escribe en A ideoloxía do nacionalismo en esquema-. Os nacionalistas galegos debemos estar a favor da ialma de Galiza, anque seña en contra de tódolos galegos”.

Risco era un home relixioso e aínda “hiperrelixioso”, como teño escrito; por iso chega a caer en posturas mesmo supersticiosas, que costa ben caro casalas coa formación intelectual da que deu mostras mais que abondosas. Pero establecerá un íntimo vencello entre a relixión, Terra galega e nación; é un verdadeiro sentimento relixioso o que vencella o pobo galego coa súa Terra,que Risco tenta rastrexar nos grandes poetas galegos, desde Rosalía a Cabanillas. Así escribe en “O sentimento da Terra na raza galega” ( recollido en Leria): “Sentimos a presencia evidente de Deus na nosa Terra, que se nos fai sagrada como unha eirexa, porta da eternidade, tabernáculo da gracia de Deus feita beleza… Eis a arela mística da Raza Galega”.  Vicente Risco chega a dicir que o pobo galego é coma un novo pobo de Deus chamado a salvar o mundo occidental do seu pecado colectivo, manifestado na súa progresiva decadencia por ter vendido a alma ó demo e esquecerense de Deus, co que Risco remata nun verdadeiro “nacionalcatolicismo galego”: “Os pobos célticos ergueranse para cristianizar a nova cultura, para signala co signo da cruz”, escribe en Logos (A xeración Nós… 149-153).

FLORENTINO CUEVILLAS (1886-1958).

Coma Otero e Risco, a súa obra é unha preocupación constante por Galicia, terra e xente, desde os traballos de arqueoloxía e outras angueiras recollidas en  Prosas Galegas. O pensamento relixioso de Don Floro foi sinxelo e rexo, case dunha inxenuidade franciscana. Católico tradicional e ó mesmo tempo liberal, Cuevillas chegou a defender o socialismo, desde algún dos seus artigos: “Eu creo no triunfo do socialismo, porque creo que a sociedade humana é un organismo vivo…. E creo que para a sociedade humana …este ha ser unha cousa útil e boa” (“Dos nosos tempos”,  Prosas Galegas). Galicia e o catolicismo foron os dous eixos da súa vida. Estes dous amores quedan magnificamente reflectidos na súa fermosa “Oración a noso Señor Santiago”: “¿Consentirás, Señor, que Galicia desapareza, que Galicia morra? Mira ao teu derredor os vellos costumes abandoados, mortas as antigas liberades, despreciado o vello idioma …; mira a nosa terra presa de homes que viñeron de fora a roubala e magoala; … mira a triste miseria dos seus fillos, a súa sede de xustiza, e a súa fame de pan…” (en Prosas Galegas).

Victorino Pérez Prieto