A revista Nós imprimiuse no prelo da Editorial Nós de Ánxel Casal en Santiago, entre Abril de 1931 e Nadal de 1935 (números 88-144).
A casa de Otero Pedrayo e de Vicente Risco na Rúa da Paz, en Ourense
A casa de Castelao en Rianxo
Os xornais La Región e El Faro de Vigo daban conta no pasado Día das letras Galegas 2012 do encontro institucional e aberto á cidadania que tivo lugar no Liceo de Ourense para a constitución da comisión que avogará porque Ourense poida ser capital europea da Cultura no ano 2020. “Un proxecto –dixo La Región– que pode abrir bocas, tanto pola súa dimensión como polas dificultades que pode acarrear a nivel económico ou de equipamentos. Pero, por riba de todo, atópase a ilusión e a paixón coa que traballan dende hai un par de anos os membros da Asociación proCentenario Nós 2020, entre outros e que pretenden sumar neste mes de maio os avales necesarios entre a cidadanía para constituír unha comisión Ourensá Pro Candidatura Nós á Capitalidade Europea e que contará en todo caso cos apoios do Concello de Ourense e da Deputación”.
Estiveron na mesa: o Alcalde (Francisco Rodríguez), a Concelleira de Cultura (Isabel Pérez) e o Presidente da ApCNós 2020 (Camilo Valdehorras), e entre o público personalidades representantes dos distintos sectores da sociedade ourensá.
Camilo Fernández Valdehorras salientou que Ourense contabiliza máis de 175 escritores de valía ao longo de 400 anos, como un dos argumentos relevantes para reclamar a capitalidade. A aportación de Ourense á literatura galega é, así, de primerísimo orde, desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo; pois a literatura galega non ten máis de 500 significados autores. Deste xeito, como salientou Camilo Valdehorras, Ourense é “unha potencia en patrimonio histórico-cultural e en patrimonio histórico literario” e conta cunha “historia profunda, firme e fecunda”. Porén, pese aos esfuerzos que se teñen realizado, Ourense aínda arrastra importantes déficits en materia de infraestructuras culturais, e as letras ourensás permanezan á marxe, na periferia do patrimonio histórico cultural da cidade. Tratarase logo traer á luz, visibilizar, valorizar ese magnífico patrimonio histórico-literario. O “pretexto” para a candidatura, a publicación da revista Nós, “é un macrotexto: a primeira enciclopedia científica que tivemos escrita en lingua galega”, recordou Camilo na súa exposición, coa colaboración de preto de 220 autores, dos que 80 son “as grandes mentes, os grandes pensadores e os grandes escritores da Galicia do século XX”. “Se eles puideron con menos recursos –dixo Camilo Valdehorras en referencia ao éxito dos escritores do século XX-, nós tamén”.
A concelleira de Cultura, Isabel Pérez, fixo un chamamento para que se sumen á petición tódolos sectores sociais, económicos, culturais, deportivos e educativos do concello; Ourense ten moitas posibilidades para acadar o obxetivo, a pesar de haber outras boas candidaturas á capaitalidade europea da cultura, sempre que se impliquen tódolos sectores.
O alcalde, Francisco Rodríguez, recoñeceu tamén que un proyecto deste calibre “significa mobilizar unha enorme energía, desenvolver un inmenso traballo e dispor de recursos económicos, que nos tempos que corren non é doado aportar”.
Tras numerosas xestións de Camilo Valdehorras e outros membros da Directiva de ApCNos 2020, unhas semanas despois, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, e o presidente da ApCNos 2020, Camilo F. Valdehorras estaban xa dispostos para asinar o acordo institucional e cívico a prol de Ourense e a rede “Nós” de cidades literarias de Galicia como candidatura a “Capital Europea da Cultural 2020”; pero a asinatura demorouse por cuestións burocráticas. Agárdase que tal asinatura se poida realizar nesta primeira semana de xullo.
Foto: JOSÉ PAZ-La Región
Ver a noticia en La Región: http://www.laregion.es/noticia/210027/ourense/aspira/capital/europea/cultura/
Ver anoticia en El Faro de Vigo : http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2012/05/17/constituyen-comision-abogara-ourense-sea-ciudad-europea-cultura/649231.html
Ver en DOCUMENTOS: “Acordo Institucional e cívico a prol de Ourense e a REDE NÓS DE CIDADES LITERARIAS DE GALICIA como candidatura á CAPITAL EUROPEA DA CULTURA 2020”.
Foi a cabeza pensante do grupo Nós e o primeiro ideólogo do nacionalismo; así lle foi recoñecido polos seus compañeiros, mesmo por Castelao, que o chamaba “o outro eu” e o recoñecía coma guieiro indiscutible. A súa evolución foi un mollo de altos e baixos, tal como estudiei noutro lugar (A xeración Nós. Galeguismo e relixión), pero o máis xenuino e ricaz de Risco, foi a súa aportación á cultura galega, desde a Teoría do nacionalismo galego e unha ducia de libros máis de ensaio e artigos, ata novelas emblemáticas coma O porco de pe e outras narracións. “Ti dis Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo… -escribe en Leria– Non digas Galicia é ben pequena; es ti, que endexamais poderás concebir nada grande”. “Ser nacionalista é querer esperta-la ialma dun pobo. Aos nacionalistas é a ialma o que lles importa. -escribe en A ideoloxía do nacionalismo en esquema-. Os nacionalistas galegos debemos estar a favor da ialma de Galiza, anque seña en contra de tódolos galegos”.
Risco era un home relixioso e aínda “hiperrelixioso”, como teño escrito; por iso chega a caer en posturas mesmo supersticiosas, que costa ben caro casalas coa formación intelectual da que deu mostras mais que abondosas. Pero establecerá un íntimo vencello entre a relixión, Terra galega e nación; é un verdadeiro sentimento relixioso o que vencella o pobo galego coa súa Terra,que Risco tenta rastrexar nos grandes poetas galegos, desde Rosalía a Cabanillas. Así escribe en “O sentimento da Terra na raza galega” ( recollido en Leria): “Sentimos a presencia evidente de Deus na nosa Terra, que se nos fai sagrada como unha eirexa, porta da eternidade, tabernáculo da gracia de Deus feita beleza… Eis a arela mística da Raza Galega”. Vicente Risco chega a dicir que o pobo galego é coma un novo pobo de Deus chamado a salvar o mundo occidental do seu pecado colectivo, manifestado na súa progresiva decadencia por ter vendido a alma ó demo e esquecerense de Deus, co que Risco remata nun verdadeiro “nacionalcatolicismo galego”: “Os pobos célticos ergueranse para cristianizar a nova cultura, para signala co signo da cruz”, escribe en Logos (A xeración Nós… 149-153).
FLORENTINO CUEVILLAS (1886-1958).
Coma Otero e Risco, a súa obra é unha preocupación constante por Galicia, terra e xente, desde os traballos de arqueoloxía e outras angueiras recollidas en Prosas Galegas. O pensamento relixioso de Don Floro foi sinxelo e rexo, case dunha inxenuidade franciscana. Católico tradicional e ó mesmo tempo liberal, Cuevillas chegou a defender o socialismo, desde algún dos seus artigos: “Eu creo no triunfo do socialismo, porque creo que a sociedade humana é un organismo vivo…. E creo que para a sociedade humana …este ha ser unha cousa útil e boa” (“Dos nosos tempos”, Prosas Galegas). Galicia e o catolicismo foron os dous eixos da súa vida. Estes dous amores quedan magnificamente reflectidos na súa fermosa “Oración a noso Señor Santiago”: “¿Consentirás, Señor, que Galicia desapareza, que Galicia morra? Mira ao teu derredor os vellos costumes abandoados, mortas as antigas liberades, despreciado o vello idioma …; mira a nosa terra presa de homes que viñeron de fora a roubala e magoala; … mira a triste miseria dos seus fillos, a súa sede de xustiza, e a súa fame de pan…” (en Prosas Galegas).
Victorino Pérez Prieto
O segundo “Dia de Nós” celebrouse en Ourense o 30 de Outubro de 2012 cunha lectura de textos do 1º número da revista “Nós” a cargo de persoas da “Asociación pro Centenario de Nós 2020”, a entrega dos premios a comerciantes que se anunciaron na revista e ainda existen, e outros actos polas rúas de Ourense a cargo da asociación “A Bela Auria”.
Nesta ocasión a prensa non se fixo eco dos actos como na celebración anterior, na que coincidiu co 90 aniversario da aparición da revista e houbo máis representación institucional e da cidadanía.
RAMÓN OTERO PEDRAYO (1888-1976).
“Abrazarte a ti e abrazar a Galicia”, díxolle Castelao; Manuel María escribe: “Andar pola obra de D. Ramón é andar pola ialma do pobo galego”; e Cunqueiro chega dicir: “Quizaves un tan nobre carballo só se da unha vez na vida dunha nación”. Otero Pedrayo é unha figura realmente titánica, pensador, literato e autor da obra escrita máis copiosa de toda historia galega e sempre un galeguista consecuente. Pero, como escribiu o bispo Araúxo: “A nota esencial de Don Ramón é a relixiosidade; relixiosidade fondamente sentida, fecundante da súa caudalosa obra literaria, vivida coa vontade trascendente para a vida do seu espírito: o seu amor a Galicia e aos homes desta terra” (en A xeración Nós. Galeguismo e relixión, p.63); e non lle falta razón. Logos xa o calificara como “a máis rexa personalidade leiga do catolicismo galego”. A súa é unha fe fonda e sinxela a un tempo, popular e ilustrada; a fe dun labrego de Trasalba, coa formación teolóxica e a capacidade de análise dun teólogo, como abondei no meu libro sobre a xeración “Nós”.
¿Cales son as notas esenciais do pensamento relixioso de Otero? (Cf. V. Pérez Prieto, “O pensamento de don Ramón Otero Pedrayo”, Grial nº152, 2001):
a) Humanismo cristián. Humanismo, porque a súa obra está feita na percura da totalidade do ser humano, nunha actitude de simpatía, comprensión e tenrura cara ao ser humano real e concreto, á vez que universal. E cristián, porque é un un humanismo que vendo o absoluto do home, non esquece o Absoluto con maiúscula, Deus. A súa era unha unha xenerosidade verdadeiramente existencial, nacida precisamente da entrega ao mundo, especialmente ao ser humano, o máis precioso del. Entrega vital e integral, compaixón fonda polos seus semellantes, vivida na ledicia dun espírito franciscano que lembra a Francisco de Asís, por quen sentía unha fonda admiración.
b) Romanticismo cristiano e liberalismo moral. Otero Pedrayo era home profundamente romántico; pode que se vise a si mesmo coma “o derradeiro romántico”, tal como reflicte na figura de Adrián Solovio, o protagonista da novela autorreferente Arredor de si.O seu romanticismo idealiza a vella sociedade dos señores, pola súa gallardía fronte aos “filisteos“, que ridiculizou Risco en O porco de pe. Don Ramón odiaba, como Risco, o cosmopolitismo, o centralismo, o positivismo e o trunfo da razón económica do século XX. “O romantismo de Otero é auténtico, místico e trascendente, no que o lume da paixón aureolaba a luz do pensamento, e o pensamento clarificaba, no posible, a paixón” (Manuel María, “Lembranza de Don Ramón”). Pero sen esquecer que é un romanticismo cristián; preto de Chateaubriand, en quen bebeu desde rapaz. A fascinación de Otero por Chateaubriand viña marcada por ser un romántico cristián, cunha clara cosmovisión cristiá do mundo e da historia. “De tódalas relixións a cristiá é a máis poética, a máis humana e a máis favorable á liberdade e o desenvolvemento das artes e as letras”, escribe o vizconde (Cf. Dictionnaire de Theologie Catholique). O Ensaio histórico sobre a cultura galega de Otero non discorre por delineamentos moi diferentes dos de Chateaubriand, ao concibir o cristianismo como alma mater e guieiro da cultura galega, non só desde as súas orixes, senón cara ao seu futuro. O romanticismo atípico de Otero ven marcada tamén polo seu talante liberal; un liberalismo moral, máis que político, sen nada que ver co pensamento liberal ancorado no economicismo. O liberalismo de Otero é un liberalismo optimista e tolerante; Manuel María ten escrito tamén: “Otero Pedrayo era un católico militante… Pero non era nada dogmático e o seu espírito estaba cheo de liberdade e comprensión” (La Voz de Galicia 17-V-1988).
b) Ecoloxismo telúrico, vexetal e cósmico. O amor á vida, a todo o sensible, fai de Otero un gozador universal. Gozador da amizade, pero tamén da paisaxe, da natureza; un home intimamente vencellado á terra e ao cosmos, o mundo e o ser humano fúndense nel de xeito singular. O seu amor pola natureza era un amor telúrico e cósmico; un amor fondamente enraizado na terra e aberto á harmonía holística con todo o cosmos. Pero, de novo, todo isto só resulta válido en Otero Pedrayo se lle poñemos de novo o adxectivo cristián. Tense falado do panteísmo de Don Ramón, cunha evidente imprecisión terminolóxica e conceptual. Porque Otero sentíase, certamente, fillo da terra, irmán dos carballos e dos piñeiros, da auga e do río. Pero o mesmo Otero Pedrayo, ten confesado que este “vencellamento afectivo, físico e espiritual á terra” non esquece a presencia do Deus trascendente, por iso está más próximo ao dos místicos cristiáns que ao panteismo.
c) Galeguismo ético e visceral. O galeguismo de Otero Pedrayo non é outra cousa que o resultado da súa entrega incondicional ao mundo e á vida; mundo e vida concretados nun pobo e nunha terra cunha historia e unha cultura concretas: Galiza. Un “galeguismo visceral”, como recoñeceu García Sabell. Pero este galeguismo de Otero é, ademais, un galeguismo profundamente ético, que deriva da percepción do drama histórico de Galicia: “Hai unha terra prometida pros galegos: Galiza. Unha terra quer dicir un esprito. Un camiño polo deserto pra conseguila: un tempo de sacrifizo e identidade, de todo-los instantes, de todo-los homes, de toda-las enerxías. Soio se pode chegar a ser universal, é dicir, trunfador do tempo, facéndose donos da terra da redencióm, pra que nela poda nacer a palabra da verdade. Cando Galiza sexa dona do seus esprito, será escoitada po-lo mundo, e outravolta será o fogar a onde acodan os camiños infindos da terra e da mar” (“A terra prometida”, A Nosa Terra, 259, 1929).
c) Cosmovisión relixiosa cristiá-católica. Unha fe sinxela e fonda, popular e tradicionalmente ilustrada, aínda que pasara pola máis moderna reflexión teolóxica, a teoloxía feita desde a crítica histórica e bíblica. A cosmovisión relixiosa cristiá de Don Ramón está no cerne da súa concepción do mundo. Camilo Fernández Valdehorras escribiu recentemente: “Se non se capta a cosmovisión hermenéutica [católica] que vitaliza e penetra toda a creación oteriana, as súas obras corren o risco de parecer a ollos de honestos lectores ficcións deletéreas… Cremos que que as obras de creación de Otero remanecen cun novo fulgor cognitivo, estético e moral… pulo estético vitalizado polos valores cristiáns como endexamais se ten dado ata nós en lingua galega” (C. Fernández Valdehorras, “O xenio literario do cristianismo galego”, La Voz de Galicia 1-II-2001).
d) “Deus fratresque Galleciae”: A fe cristiá está na entraña da identidade galega. Galeguismo e cristianismo, intimamente vencellados, son as claves da concepción oteriana manifestadas ao longo de toda a súa obra. Otero interpreta o cristianismo como a alma do pobo galego ó longo da súa historia: “No cristianismo atopou Galiza a verdadeira patria do seu espírito”, repite nas páxinas do Ensaio histórico sobre a cultura galega, sen dúbida, a obra cume do pensamento de Otero (Ver análise da obra en A xeración Nós. Galeguismo e relixión, pp.77-88), que foi saudado desde as páxinas de Logos coma “un limpo canto á catolicidade do noso pobo”. Con razón escribe Carlos Casares: “O panorama do desenvolvemento histórico cultural galego que Otero trazou no Ensaio… non ten equivalente… e a aportación oteriá neste dominio é fundamental. Para ela fixo falta que se deran xuntos a cultura do erudito, a paixón ilimitada do patriota e a fina presentación intuitiva do poeta” (Carlos Casares, op. cit.). Para Otero, a latinización estivo subordinada á cristianización; por iso, o pobo galego asumiu o latín máis polo “imperio da Idea” que “pola forza do Imperio”. Nas cortes republicanas de 1931 tivo unha soada intervención parlamentaria con ocasión da discusión sobre o laicismo do Estado. Defende o ensino relixioso, porque neste país “el catolicismo es algo más que una religión, una psicoloxía”; máis aínda “todos somos en el fondo católicos porque catolicismo significa espíritu de libertad”; aínda que avogue pola liberdade relixiosa cun talante claramente liberal.
Victorino Pérez Prieto
A XERACIÓN E A ÉPOCA “NÓS”, UNHA XENTE GALEGUISTA E CRISTIÁN (I) Victorino Pérez Prieto
A xeración “Nós” -ou mellor, a época “Nós”, pois supera propiamente os límites dunha xeración- foi a máis senlleira que deu Galiza, o grupo de xente máis cumprida que endexamais traballou por esta terra, este pobo e esta cultura. Se Rosalía, Curros e Pondal forman a trindade dos grandes poetas e escritores, Castelao é o símbolo máis puro do mellor de Galiza, Vicente Risco o primeiro gran teórico do nacionalismo galego e Otero Pedrayo a meirande figura intelectual que deu desta Terra; ao seu carón, compre engadir a Florentino Cuevillas, “o arqueólogo e historiador da raza”, e Ramón Cabanillas “o poeta da raza”. Sen esquecer a Antón Losada Diéguez, “o guieiro”, Antón Vilar Ponte, Vicente Viqueira, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo… e o seu mártir, Alexandre Bóveda. Sen dúbida, foi unha época de esplendor creativo para Galicia. Son “un devoto punto de referencia para aqueles que queiran enrolarse na ringleira dos bos e xenerosos” (X. Chao Rego, Limiar de V. Pérez Prieto, A xeración “Nós”. Galeguismo e relixión, Vigo 1988), e “por eles tamén nós somos nós” (C. Baliñas, Limiar de Pensamento galego. I, Vigo 1977). Todos eles, cada un ó seu xeito, foron galeguistas e cristiáns.
RAMÓN CABANILLAS (1876-1959). O “avó” da xeración, recibe de Carballo Calero o cualificativo de “poeta total”, por calidade literaria e por ser dos máis fecundos da literatura galega (poesía lírica, narrativa e dramática, os temas amorosos, sociais e relixiosos…). Fora seminarista en Compostela e sempre mantivo unha fonda vivencia relixiosa; mesmo ingresou na Real Academia Galega xuntamente co crego Antonio Rey Soto e quixo ser enterrado co hábito franciscano. Cabanillas é un poeta fondamente relixioso, e a súa obra está embebida de relixiosidade; os seus poemas chegan a ser, mesmo, magníficas oracións. En libros combativos como Da Terra asoballada (“O Noso Señor Santiago”), pero sobre todo no poemario Samos, que reflicte a riqueza da simbólica do catolicismo ata chegar, mesmo, a unha significación mística. Ou en poemas de sinxela relixiosidade como a fermosa “Oración”:
Señor, que baixo o teu manto
nenos mozos e vellos
sigamos os teus consellos,
camiño da eterna Luz;
e que a túa mao divina
aparte de nós a guerra
e asente a paz sobre a terra
á sombra sacra da cruz…
ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ (1884-1929). Aínda que Filgueira Valverde o chame “filósofo de circia formación” e fale dos seus “orixinais ensaios”, apenas escribiu; pero foi un home clave no galeguismo nacente e tivo unha gran influencia nos galeguistas do seu tempo, particularmente na xeración “Nós”; Otero chámao “apóstolo de mocidades”. Fervente galeguista e crente, tiña a dobre obsesión de galeguizar a Igrexa e cristianizar o galeguismo. Así, di na alocución “Os católicos e os rexionalistas”:
“Cando se loita por unha nai, non se pregunta de onde veñen os que axudan, e agora estamos a loitar por Galicia… ‘Benaventurados os que teñen fame e sede de xusticia’ dixo o Señor, e famentos de xustiza estamos os galegos” (Xoaquín Losada “Antón Losada Diéguez, un de nós”, Encrucillada 42, 1985).
Otero escribiu no seu pasamento: “Non nos atreveriamos a analizar de que xeito Losada sentí a función histórica do catolicismo. Máis podemos afirmar… que no problema de Galiza coidaba esencial e guiadora a ensinanza do Evanxeo” (Nota de necrolóxica, Nós, 71, 1929). Pero a súa confesión de fe faise, sobre todo, impresionante nunhas liñas escritas do seu puño e letra pouco antes de que o cancro rematase coa súa vida: “Que os meus fillos lean e afirmen, sobre todo o que escribín en materia de relixión e política. Que se convenzan de que o primeiro ideal do home é o ideal relixioso… Que traballen por Galiza … que sexan homes relixiosos e patriotas” (In Xoaquin Losada, art.cit.).
ANTÓN VILAR PONTE (1881-1936). Deputado nacionalista do Partido Galeguista e escritor, viviu intensamente a dobre vocación política e xornalística (El Combate, Tierra Gallega, La Voz de Galicia, A Nosa Terra..). Pero foi tamén un home crente e un pensador cristián. No discurso laudatorio do bispo Lago González, a quen sucedeu na cadeira da Real Academia Galega, chega a dicir: “O verdadeiro superhome ten para min o seu arquetipo en Francisco de Asís e non en Zaratustra”. Este pensamento queda manifestado en moitos lugares máis da súa obra, sobre todo no ensaio “A lingua das oracións”, sobre a importancia que para el ten a relixión na cultura galega e a alma do pobo; mesmo atopamos nesta magnífico traballo unha confesión relixiosa dun nacionalista de esquerdas:
“O feito de que os galegos, aínda que nunca empregan outro idioma que o que lles dou a natura, nas horas do traballo, das festas e do fogar, na cousa máis espiritualmente íntima da vida, que é a oración relixiosa, áchanse pillados pola pouta dunha hexemonía idiomática estraña que magoa as esencias máis puras da súa alma. Este é un problema serio de abondo que precisamos resolver cantos vimos preiteando rexamente polo cultivo da lingua materna. Para os crentes é un asunto de verdadeira trascendenza. Un pobo que rece no seu idioma, aínda que deixe de empregalo en tódalas outras ocasións da vida, poderá ir á recuperación do mesmo de xeito máis doado que aquel que o fale a cotío en toda ocasión agás no rezo… Non hai incompatibilidade entre a nosa lingua e as oracións relixiosas. Ora precísase divulgar estas e crear outras capaces de seren vitalizadas con indulxencia da Igrexa. Precísase tamén que tódolos verdadeiros galeguistas que sexan crentes lles fagan deprender ós seus fillos, sobriños e irmáns pequenos rezos enxebres, aínda que para o demais empreguen o castelán. Porque conquerida esa suprema intimidade das almas para a lingua materna, desbotado o idioma usurpador da máis fértil leira do esprito de cada galego, o outro virá por engádega. O horto do corazón agarda a mellor semente” (Pensamento e sementeira).
A “Asociación proCentenario de Nós 2020” (ApCNós 2020), entidade legalmente constituída en xuño de 2011, mantivo nas últimas semanas varias reunións coa Deputación e o Concello de Ourense coa intención de presentar a cidade de Ourense como cabezaleira á fronte dunha candidatura de toda Galicia, vertebrada na “Rede-Nós de cidades literarias (Pontevedra, A Coruña, Santiago e máis Lugo, Ferrol e Vigo), á Capitalidade Cultural europea para o 2020, ano en que se conmemora a efemérides do centenario da revista Nós, a máis importante da Cultura galega contemporánea. Tanto José Manuel Baltar, presidente da Deputación, como Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, e Isabel Pérez, tenente de Alcalde da cidade, confirmaron a súa total disposición a integraren e impulsaren o proxecto encabezando a Comisión Institucional. Así mesmo, a Universidade de Vigo no seu Campus de Ourense, a través da súa vicerreitora María Lameiras, amosou a súa adhesión e respaldo á iniciativa. A Asociación civil promotora traballa arestora con entidades públicas e privadas de todo o país para que nesa Comisión Institucional participen, ademais, outros organismos, colectivos galeguistas e institucións públicas e privadas, tanto ourensás como do resto de Galicia, do Estado e da diáspora exterior, unidas por un obxectivo común e superior: acadar unha candidatura integradora que vigorice o magno patrimonio literario de Galicia, (latino, galaico e español nucleado polas letras galegas), proxectándoo en España, en Europa e no mundo.
Primeira xunta directiva
Logo dun período preliminar rexido por unha Xestora, dende decembro de 2011 a “Asociación proCentenario de Nós 2020” conta coa primeira xunta directiva, completada recentemente en asemblea. Nela figuran como presidente o profesor e escritor Camilo Fernández Valdehorras e José Eduardo López Pereira, actual director da Acsug, como vicepresidente; o periodista Xosé Lois Carrión, secretario xeral; o avogado Antón Vidal, asesor xurídico, o historiador-xornalista Antón Escuredo, responsable de Comunicación. E nove vogais: Segismundo Bobillo, Xan Rodríguez González, José Antonio Santos, Martiño Ramos, Xosé Ramón Quintana, Christina Moreira, Fernando Román, o tradutor inglés Jonathan Dunne e o profesor norteamericano John Patrick Thomson. O filósofo Victorino Pérez Prieto é o secretario técnico.
Actividades 2012
Sen perder de vista a perspectiva da celebración en 2020 do “Congreso Universal da Cultura Galega”, a ApCNós 2020 está a artellar tamén neste momento un programa de actividades para o 2012 agrupadas en tres fitos: a celebración unitaria en Ourense da conmemoración do “Día das Letras Galegas”, ao redor das figuras de Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, rematado cunha “Gala Internacional das Letras Galegas”; a preparación dun Curso de Verán na UdV-Campus de Ourense sobre “Os nós de Nós e nosoutros”; e a terceira edición do “Día de Nós, Día da Nación-Cultura Galega” para o vindeiro 30 de outubro en que, entre outros actos, se entregará o Iº Premio de Honra Nós á publicidade non institucional en galego.
Baixo as divisas “Por unha Galicia pangaleguista, por unha sociedade de lectores e por unha democracia ética”, a “Asociación proCentenario de Nós 2020” asume como alicerce permanente do seu labor a valorización do legado da Revista Nós (1920-1935), da longa Época Nós (1916-1950) e do seu canon autorial en tres frontes: a democratización social, popularización e divulgación; a revisión crítica, investigación científica e revalorización hermenéutica; e a súa internacionalización e exportación peninsular e europea.
Todas as persoas, grupos, fundacións e institucións compromisarios da “Asociación pro-Centenario Nós 2020” están convocados a unha asemblea xeral extraordinaria que vai ter lugar no Liceo de Ourense o vindeiro venres, 2 de marzo de 2012 ás 19,30 h. en primeira convocatoria e ás 20,00 h. en segunda convocatoria.
Na orde do día trataránse varios temas. Ademais da aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior, presentarase o informe de xestión, a cargo do Presidente e do Secretario Xeral: entrevistas institucionais, e “Manifesto cívico a prol da candidatura de Ourense e a rede-Nós de cidades literarias de Galicia á capitalidade europea 2020”. Daquela, presentaranse as candidaturas e elección dos cargos vacantes da executiva: Vicepresidente, Tesoureiro e Vogais.
Actividades 2012
Na mesma asemblea falarase de propostas concretas de actividades para este mesmo ano como son o Programa “Letras Galegas 2012” en Ourense e un “Curso de Verán Nós 2012”, en colaboración coa Universidade de Vigo-Campus de Ourense e varias fundacións galeguistas. Tamén farase público o logo, imaxe gráfica e dossier de presentación pública da Asociación.
Para rematar haberá varias propostas para a campaña de captación de socios e socias da Asociación e a entrega de carnés.
“Entrar na obra de Rosalía é como entrar no empardecer no xardín deixado dun pazo. Os donos hai tempo que fuxiron cara outro vivir máis mundano e brillante. Están pechadas as fiestras indiferentes ao puro florecer dos xazmineiros. Os granitos barrocos da solaina recibiron longamente o agarimo do sol do serán e cubertos de orcelos soñan, na súa nudeza, co tempo xeolóxico en que eran pensativos e ergueitos penedos na liberdade do coto. No xardín, unha man branca e sensitiva, man de dona galega, ordenou como un tema musical, o harmonioso decorrer dos sendeiros. Mais hai tempo que só tripan por elas os pés leviáns das fadas da noite.
Na luzada do día, cando polos ceos se desfolla a branca flor da ialba marabillosa coma a flor das fontes no abrente do San Xoán, o reiseñor e o merlo scherzan na frouma do xardín; o reiseñor quixo co seu canto prender as estrelas e embarcarse na barca da lúa. Mais as estrelas todas morreron enveleñadas na copa cruel do día e o minguante naufragou nas serras bretemosas do Oeste.O merlo máis confiado e humorista, a pesar do seu fatelo de monxe rebuldeiro, scherzando sonatas a un tempo bulreiras e confiadas quixo ser todo o día dono do xardín. Mais axiña calou cando medraba a sombra do alcipreste, e un infindo silenzo feito de lembranzas celtas e de tristeiras esperanzas cubriu as vellas roseiras, os magnolios petulantes, a esdenosa fidalguía dos buxos.
Imaxe inédita de Rosalía de Castro atopada por Ramón Torrado e publicada hai uns días nos xornais Certo e Galicia Confidencial
Para sentir a fondura do silenzo é precisa un voz. E este xardín, mellor que na lanzal ensoñación dos alciprestes, mellor que no verdecer confiado dos laranxeiros fala coa voz da auga eterna e sempre nova, pois a cada instante xorde da entraña da ,terra. Xorde e chora. Non ten consolo nin polo día nin pola noite: baixo o sol a pobriña, que á fin é labrega, sente timideza da luz e da fidalguía do xardín e fala tan baixiño que a penas se escoita. En troques, envolta nos liños do luar ou no infindo misterio da noite e da chuvia, a auga espalla os seus desconsolos. Figura non ter bágoas de abondo para chorar a súa dor. Ás veces ata parece que decorre confiada; só un instantiño; de seguida un afogado salouco racha a hora do solpor e entebrece todo o xardín. Camiñamos por el cubertos co loito das novas dores acrecidas polo salaiar da iauga.
Mais enganaríase quen pensar que este xardín pecha, coa súa artística tristura e coa súa auga saloucante, o paraíso garimoso para os poetas decadentes. Non o creou o narcisismo da melanconía, Non representa o xogo funeral dunha ialma que se goza na propia morte. Polo contrario, representa a maior realización dun poderoso e enérxico espírito que pola dor trunfa da Morte. Pasarán as roldas de soles e lúas, de estrelas e de ventos de todos os anos do vivir, e as roseiras seguirán desfollándose, o alcipreste soñando e a iauga agurgullando verbas novas.
A dor pode ser un eixe de vivir espiritual e pola dor franquéanse as. máis outas realizacións areladas. Considerade un instantiño a terra da que zuga a súa elexía este xardín e os horizontes que o encadran, rexamente, no cerne da Galiza. Onde rematan as orlas de violetas dá principio o pomar. A iauga fuxida do xardín decorre xa calada polo verdecente seo dos lameiros e vai levar un consolo de frescor aos valentes milleirais alapeados polos soles do mes de Sant Iago.As raíces do xardín afondan con lediza no chan mesmo e nel mestúranse coas raíces da carballeira e do souto. As ilusións baixo o penitente alcipreste [que] tomou terra no mesmo leito no que dormen os petrucios e es nenos .da aldea. Un mesmo ceo orballa longamente sobre os buxos. do xardín e sobre os cotos do monte. O xardín vive e sofre na campía. Arrincado dela e volto parque de cidade ou claustro pechado entre arquitecturas, deixaría de sufrir, morrendo.
O que dixemos ao principiar este traballo sobre da ineficacia da crítica, teríamolo que repetir agora con chea xustificación. Rosalía desarma a análise. Fracasan diante dela os métodos, as experiencias, as comparacións. Unha ialma sinxela e forte vai núa polos camiños do mundo soamente vestida coa súa propia esencia e o mundo todo adquire a forma que lle presta esta esencia do poeta. O menos literario, o menos pensabel que se poida maxinar.
Mais polo mesmo fortalécese a tentación; non se pode vencer esta arela de meditar sobre a ledicia das Follas Novas, dos Cantares, das Orillas del Sar. Pois, segundo escribe Paul Valéry: -«A Estética é unha grande e ata unha invencibel tentación. Como sufrir o sentirse conqueridos por certos aspectos da natureza e das obras dos homes, sen explicarmos esta ledicia casual ou elaborada que figura independente a un tempo da intelixencia e das novas afeccións ordina- rias?». Cóntase que o Beato .Anxélico pintaba axeonllado os cadros místicos. Deste xeito ímonos achegar á obra de Rosalía, non para trazar unha estética, nin un capítulo de historia literaria, non enchendo a sistemática dun programa ou teimando establecer unha opinión. Soamente -non abonda o atrevemento?- para alentar algúns instantes no aire que ela respiraba, para seguir no decorrer dos versos a fonte e a fuga dalgún dos seus sentimentos, para ispirnos de toda realidade banal na luz estelar da súa dor.
A maior dimensión lírica na arte acádase en Rosalía: non hai ego que subxectivice o mundo en tanto grao como aquel ego saudoso. Pola suprema dignidade do tema entramos nel sinxelamente esquecendo toda a literatura que se ten feito arredor de Rosalía, pois na soedade do pazo aldeán só viven os versos e nós diante eles, sobrecollidos como dediante da ialma inmorredoira da Galiza.
Asoballa a forza do xenio poético de Rosalía. O seu eixo de diamante será dor, pesimismo, melanconía, saudade… Mais esta presente consecuencia do sentimento viste o mundo, e a ialma, o pasado e o porvir. Un sentimento acariñado con mimo, sentido con desespero, ás veces inocentemente burlado, endexamais ausente. Quen dixo nebulosidade, indecisión, medias tintas… e tantas cousas máis? –“Triste é o cantar que cantamos! / Mais que facer se outro mellor non hai?”. Afirmación clara e completa, poderoso convencemento adquirido pola sensibilidade, conciencia viva do ser da poesía. Pouco importa que o verso veña engastado noutras ideas sobre a nova paixón dos mozos. Rosalía fixo da dor a dimensión, a forma e a figura do seu espírito. As Follas Novas nacen no ermo: “Ramallo de toxos e silvas sós / hirtas coma as miñas penas, /feras coma a miña dor”. A paisaxe coma da ialma privada do consolo da felicidade procura a súa expresión na gándara; non gándara pondaliana latexante da infinda esperanza dos pobos, pois Rosalía proxectándose no mundo chega ao cume do lirismo –dicir lirismo é repetir romanticismo- e ten plena fe no título Follas Novas no senso certeiro de que descubría un universo novo que ata ela non tivera na arte completa realización.
Sentía a primavera súa, tráxica, orballada de bágoas, mais tamén amada porque sufrindo vívese. E xa veremos cal foi para Rosalía o único senso da vida. Di como sente o medo da desgraza (“Que vive /e que non se ve. / Que vén e que nunca se sabe onde vén”): hai neste medo tamén un cariz de amor pois, á fin, a desgraza vai con ela, é o seu vivir diario pois “…meu corpo de terra /e o meu cansado esprito,/ adonde quer que eu vaia/ van comigo”. Mais non hai orgullo nesta conciencia. Outros suspiran por algún ben perdido; suspirar por algo perdido ven ser unha esperanza pois o hoxe e o mañá decorren con outros ritmos no tempo interior.
Rosalía non suspira nin arela; ata sabe que a súa dor vivirá con ela despoixa da morte. Non arela outra cousa porque unha vez fixo unha experiencia na que se podería atopar o cerne do carácter de Rosalía. Tiña un cravo cravado no corazón. Non se parou a estudalo. A análise interior non entraba no seu mundo sinxelo e dinámico. Nada menos intelectual: outros grandes líricos isolan, obxectivizan na conciencia as presenzas sicolóxicas; chegan a ollalas fronte a fronte, polo menos un instantiño, ou prívanse delas encarnándoas nunha criatura de arte que vive fóra do autor.
Rosalía é todo ela; a súa forte intelixencia non se separou nunca da sensibilidade que corría en pulos renovados de fondo abisal do ser. Goethe ceibou o seu Wherter polo mundo: un fillo que se olla algunha vez con melanconía que non tinxe a nova obra. Os místicos e os ascetas tallaron a carne do espírito e botaron sobre a mesa da conciencia ósos e nervios, sangue e músculos; alí quedaba o corazón sanguento estudado e como estudado, suprimido.
Rosalía fixo a proba; se non fiou das propias forzas: chamou a Deus. E o cravo foi arrincado: “E seica, / seica tiven soidades/ daquela pena/ ¡Bon Dios!”. E Rosalía seguiu abrazada á dor como san Francisco á cruz: era a vida da súa alma, o sentimento de que aínda viviu. Quixera ter unha alma máis grande; a felicidade non enche, en troques quen sofre: “-Oco non atopa no ferido peito / Porquer a dor ¡enche tanto!”.
Non puido sufrir o balbordo do mundo, nin a propia vitalidade inqueda ¡xa sabía que estaba chamada a ser trono da dor sen consolo! Quedou soia, consigo mesmo, apenas un pouquiño de mundo para que o espírito soubese que aínda habitaba na carne mortal: un mundo do que soamente se oía o roer dun rato e o estralar da ponla no lar, compañeiro das ardentes maxinacións dos solitarios.
A carón dese lume responde a todo intento de consolo: “Mais ve que o meu corazón / é unha rosa de cen follas”. Pouco importa arrincar algunha, están apegadiñas, son infindas. “O corazón me arrincaras /desque as arrincaras todas”. Esas follas da rosa miragreira da ialma foinas arrincando ela mesma, unha a unha, e salferíndoas nos seus versos. Neles están sangrando e chamando unhas polas outras –coa saudade das que ficaron na entraña do corazón de Rosalía!.
Ten ela diante de si a desgraza súa obxectivada: xa non é dor nin saudade, xa non é o mal abstracto, senón a desgraza súa que por un esforzo do lirismo –un pulo requintado de sofrente vivir da ialma só posíbel nun grande poeta –ata chega a ollala fóra de si, personalizada na negra sombra ou na pantasma disforme maior que o ceo e a mar –as dúas representacións da infinitude- e ten un pé nos astros e outro na coba. Estas criaturas asómbranlle o mundo: saen dela un instante sen deixala tranquía. Nestes momentos de lucidez terribel, con que ollos considera Rosalía a súa desgraza corporeizada? Non con fría análise, nin prestándolle un carácter épico; ela sempre muller identificada co sentir sinxelo das almiñas aldeás vea pasar, arredor de si, con medo, cun triste consolo, pois sabe que a desgraza e mais ela, Rosalía, son os únicos actores da escena do mundo e que deseguida volverán a negra sombra e a pantasma disforme a acougaren , enchéndoo, no seu espírito.
Nos poemas que puideramos considerar obxectivos acada Rosalía unha maravillosa técnica na caracterización da desgraza; indican, ben lonxe de toda postura literaria, unha ardente meditación do asunto. “De onde ven?¿Que quer? ¿Porque a consintes, potente Dios, qu’os nosos males miras?”. Ela endurece o corazón, mata a esperanza, fai o baleiro arredor, produce laios ou blasfemias, enturbia o sol, empezoña as fontes, enxoita o mar onde quixera afogar o desgrazado, que ata se sente abandonada pola morte.
Para ela non hai primavera, nin luz, nin calor, nin xequera unha coba tranquila. Vai de ponla en ponla soa como unha pombiña, o vento do outono arrinca as follas coma as esperanzas e “só o sono da morte /o triste dorme en paz”. O que ten non é frío nin doenza, é “a ialma enferma, poeta e sensíbel / que todo a lastima / que todo lle doe”. Para a sandar teríanlle que arrincar o corazón. Aquela roxa estrela nada con ela non a alumeou, ben poidera apagarse, pois o seu tempo sempre vai caindo na eternidade contado por un “Tas-tís!/Tas-tís! pola péndola na noite silenzosa, com’un corazón cheo de doores, e /us tras d’outros istantes silenciosos /pasando van e silenciosos chegan… sin que o porvir velado dos mortais ollos/ rompan as pesadas brétemas”. El ben sabe que a dor sendo a verdadeira dimensión da súa alma identifícase co tempo” […].
[“Romanticismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal” [ed. facsímile], en A paixón e o discurso de Otero Pedrayo: Galicia, A Coruña: Deputación da Coruña, 1998, pp. 71-81].
Dr. Camilo Fernández Valdehorras
O xardín deixado dun pazo ao empardecer…
A hermenéutica de Otero Pedrayo, que deplora a liquidación da metafísica e, naturalmente, non suscribe en absoluto a nietzscheana ‘morte de Deus’, instaura o seu foco alumeador lonxe de todas as voltas de porca que supón a revisión posmoderna da tradición católica por parte das distintas variantes da “filosofía da sospeita” (Heidegger, Gadamer, Derrida, Foucault, Wittgenstein, etcétera), padíns da cultura da modernidade trala revolución científica despregada co Renacemento e a Ilustración e que converxen, como punto de inflexión, na obra de Nietzsche.
O Deus no que Rosalía cre, segundo se colixe do epítome de Otero que transcribimos, é un Deus-misterio pero tanxibel, inequívoco, o dun xenuíno crente alonxado de toda teoloxía dogmática. Otero enfatiza aquí esta sensibilidade relixiosa, tráxico-cristiá e antidogmática de Rosalía. Unha sensibilidade espiritual compartida en xeral por todos os que, dende unha perspectiva máis concorde coa sabiduría tradicional pre-moderna (ou post-conciliar) se amosan descontentos tanto respecto dunha Igrexa institucional (fría, que fai do dogma unha pauliña contra os fieis), como verbo dos cantos de serea das seguridades tecnocientíficas (“Luz e progreso en todas partes, pero as dudas nos corazóns…”) dunha Humanidade espiritualmente insensibel a Deus cuxa alternativa desesperanzada é o escepticismo posmoderno.
O anaco textual que se ofrece a seguir está extractado da longa “meditación” que Otero lle adicou ao ser e senso da vida e obra de Rosalía no seu discurso de ingreso na Academia Galega intitulado Romanticismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal. Discurso que foi pronunciado o día 9 de nadal de 1927 no salón do “Círculo de Artesáns” da Cruña, cando o autor se atopaba no cénit da súa enxurrada creadora e contou coa resposta gabanciosa do tamén académico Vicente Martínez-Risco, conveciño e máis que amigo irmán.
A edición prínceps íntegra dese ensaio saíu do prelo de “Nós. Pubricacións Galegas e Imprenta”(situado xa daquela na rúa das Hortas, 20 de Santiago de Compostela) o 13 de agosto de 1931. Dende entón ata a data, nunca o texto foi reeditado completo e só circulou escolmado nalgúns retrincos ou referido en citacións puntuais. Sesenta e sete anos despois, en 1998, reimprimiuse, de novo en facsímile, nun libro rubricado cun título elusivo e enfático, A paixón e o discurso de Otero Pedrayo: Galicia, publicado pola Deputación Provincial da Cruña.
Nas súas páxinas limiares, o propio autor resumiu o contido xeral do ensaio deste xeito: trátase de pescudar nas “orixes e caracteres do Romanticismo que en Galiza personaliza Nicomedes Pastor Díaz, da Saudade e do Sentimento poético da Raza e da Terra considerados en algún aspectos de Rosalía e Pondal”. Del transcribimos, a seguir, só o inicio do capítulo III, en dobre formato (texto normativizado e orixinal facsimilar) por considerármolo non só unha das máis belas e admirabeis páxinas de prosa poética saídas da pena de don Ramón. Senón sobre todo por conter unha obra prima de glosa metaliteraria (e á vez, como non, de autopoética oteriana) acerca da vida feita obra poética de Rosalía, transmutada aquí pola arte hermenéutica de don Ramón nunha constelación simbólico-literaria de acendrado lirismo romántico e cumio do misticismo tráxico do cristianismo galego.
Como ben salienta F. Fernández del Riego no emocionado prólogo dese facsímile, titulado “Memoria do mestre e do amigo”, “falando deste discurso dixo Ricardo Carvalho-Calero que atinxira nel o autor as notas máis agudas da súa prosa oratoria pois as imaxes sucédense nel cunha tensión altísima e unha riqueza sen taxa”.
En efecto, alén do seu indiscutibel valor como tal ensaio de historia literaria e historia das ideas, o discurso académico contén unha brillante amosa do indiscutíbel xenio literario de Ramón Otero Pedrayo como estilista, como pensador e como hermeneuta cinguindo o universo rosaliano nunha metáfora alegórica xeral: o “xardín deixado dun pazo ao empardecer”. Neste símbolo Otero nuclea e envolve todo o seu escolio encol da identidade artística e espiritual de Follas Novas, Cantares Gallegos e En las orillas del Sar, os tres libros rosalianos que nel se glosan. Sintagma poético elocuente que, alén dos denotadores e connotadores, esixe ser comprendido “dende dentro”, isto é, de acordo co senso holístico que cada unha desas verbas posúe no interior da esexese oteriana, a saber:
-“xardín”, como microcosmos creado pola sensibilidade da natureza humanizada de Galiza “ordeado pola man branca e sensitiva de dona galega” que foi Rosalía; “xardín que representa a maior realización dun poderoso e enérxico espírito que pola dor trunfa da Morte” (p. 73).
-“deixado”, no senso de “abandonado” polos seus habitantes/lectores “fuxidos a outro vivir máis mundano e brillante” (en canto, indiferentes á poética rosaliana por pasada de moda);
-“pazo”, como emblema retórico da “xuntanza do señorío coa aldea onde aquel ten as raíces do seu valor”(“todo vive esperanzado; soilo “o caserón querido” é unha tráxica –e por iso máis amada- excepción á lei da vida…”);
-e “ao empardecer” porque é o solpor entre lusco e fusco a antesala do misterio pleno da noite, ámbito máis propicio da voz inspirada polo Creador.
Un xardín-poemario, pois, que fala coa “voz da auga eterna e sempre nova” que a cada intre xorde da entraña da Terra-Rosalía revelando, nas sucesivas catas de profundidade expostas por Otero nas seccións do capítulo, a súa omnisciente consciencia relixiosa (“a relixión era o úneco sentimento garimoso qu’a afirmaba ó vivir” (p. 83), o seu pathos cristián (en que se funden dor e tempo), o seu sentimento saudoso do alén da súa espiritualidade…
Ao longo do capítulo III, da man evocadora dos versos rosalianos hermeneutiza Otero sobre as paisaxes amadas por Rosalía, sempre musicais: as veigas do Sar, o cemiterio de Adina en Padrón, o xardín de San Carlos na Cruña (onde dorme “o heroi” romántico), o bosque de San Lourenzo e a catedral de Compostela… E repasa os principais leitmotivs da súa simbólica a través da auscultación do sentimento dinámico cifrado nalgúns dos seus poemas: “o seu infindo amor pola morte sentida sempre de forma individual”, o desexo de fuxir da desgraza, o amor apaixonado a Galiza, o feitizo por Compostela (“a causa particolar do seu incurabre desconsolo”, p. 98), a tentación do suicidio e os remorsos e a crenza na inmortalidade da alma propia dun “grande espírito céltigo e romántico”.
Tales son, ao meu xuízo, as ideas-forza oterianas dominantes que salientan nesta esexese de Rosalía como muller-poeta de “perfección moral dinámica e “vítima propiciatoria das desgrazas de Galiza” (p. 83), nódoas que confirman as seguintes pasaxes, extractadas do capítulo e enmarcadas so catro etiquetas da miña persoal lectura:
1) lirismo radical de requintada arte poética: “A maior dimensión lírica na arte acádase en Rosalía: non hai ego que subxectivice o mundo en tanto grao como aquel ego saudoso…”. (p. 75) “Rosalía foi precursora, co seu inconsciente faustismo e a súa marabillosa consciencia do verso, do máis moderno e requintado lirismo”. (p. 96).
2) pathos espiritual saudoso: “A door pode ser un eixe de vivir espirtoal e pol-a door franquéanse as outas realizazós areladas” (p. 73). “Asoballa a forza do xenio poético de Rosalía. O seu eixo de diamante será dor, pesimismo, melanconía, saudade… Mais esta presente consecuencia do sentimento viste o mundo, e a ialma, o pasado e o porvir..”. (pp. 75-76). “Rosalía fixo da dor a dimensión, a forma e a figura do seu espírito…” (p. 76).
3) místicismo tráxico-cristián: “”Por baixo da dor da súa ialma hai un fondo abismo, qu’ela apenas s’astreve a ollar” (p. 82); “renunciamos a esculcar a traxedia interior de Rosalía, xa que este traballo faise somentes sobr’a materia prima dos versos”(p. 98); “Rosalía non suspira nin arela; ata sabe que a súa dor vivirá con ela despoixa da morte. Non arela outra cousa porque unha vez fixo unha experiencia na que se podería atopar o cerne do carácter de Rosalía. Tiña un cravo cravado no corazón. Non se parou a estudalo. A análise interior non entraba no seu mundo sinxelo e dinámico….” (p. 77). “Rosalía é todo ela; a súa forte intelixencia non se separou nunca da sensibilidade que corría en pulos renovados de fondo abisal do ser (p. 78). “…Rosalía fixo a proba; se non fiou das propias forzas: chamou a Deus. E o cravo foi arrincado: “E seica, / seica tiven soidades/ daquela pena/ ¡Bon Dios!”. E Rosalía seguiu abrazada á dor como san Francisco á cruz…”. (p. 78). “Sería de fonda exempraridade unha xenealoxía espirtoal da moral de Rosalía: n’il xurdiría de fixo a páleda e atromentada maneira de Pascal, pois foran irmáns n’un sofrimento…” (p. 84).
4) e ethos étnico como consolo ao pathos tráxico individual: “ista Galiza físeca e moral foi a redenzón e a groria de Rosalía… Dela zugou enerxías para levar a crus do seu vivir. Pra non sufrir abondáballe se lembrar de ser muller, galega e campesía” (p. 105).
Asertos que arquitecturan o axioma espiritualista central e final –“Rosalía, bardo dos destinos”- que alumea toda a glosa interpretativa de Otero: “Rosalía fixo o sacrificio da propia door individoal, que na limitazón das creaturas humáns non deixa de ter algo d’egoista, i-ouxetivizándose na terra foi, ó igual que Pondal, un bardo dos destinos” (p. 107).
Abonde, aquí e agora, con eses catro compases para lle dar paso, en fin, á “maestosa obertura” dunha das máis outas sinfonías hermenéuticas compostas por Otero Pedrayo (e non só) adicadas a exaltar a poesía e a simbólica da “musa inmortal” das letras galegas.