Rosalía en Otero Pedrayo (I)

Comezo do texto de Otero Pedrayo

Comezo do texto de Otero Pedrayo

Este mes de febreiro de 2012 cúmprese o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (Compostela, 24 de febreiro de 1837). A “Asociación de Escritores en Lingua Galega” (AELG), que ven laborando dende hai tempo para converter o día do natalicio en diada de exaltación das letras rosalianas, boutizou o 24 DE FEBREIRO “DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO” co conseguinte rechamo á cidadanía:

  • animamos neste día a agasallar un libro en galego e unha flor.
  • convidamos a centros de ensino e concellos a participaren do “Día de Rosalía de Castro” organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.

O 24 de febreiro foi recollido oficialmente como “Día de Rosalía de Castro” pola Consellería de Cultura e Educación no seu “Calendario do Libro e da Lectura” en conformidade co que a AELG solicitou aos concellos declararen ese día 24 de febreiro como “Día de Rosalía de Castro” e recollelo así nas súas programacións culturais.

A “Asociación proCentenario de Nós 2020” (ApCNós 2020) séntese plenamente identificada coa iniciativa. E como achega de adhesión e respaldo ao fito ofrece a seguir a reprodución dunha das máis inspiradas glosas literarias de Ramón Otero Pedrayo sobre a por el exaltada “Poeta da Desgraza”, “trono da dor sen consolo” (p. 78). Acompañada dunhas notas de encadre a cargo do Dr. Camilo Fernández Valdehorras acerca da hermenéutica espiritualista cristiá oteriana, como contexto de comprensión do escolio.

Nós, un nome-manifesto

Castelao

Non hai unanimidade entre a crítica acerca de quen foi o padriño da criatura á hora de boutizala. Pero adúcese a autoridade de Francisco Fernández del Riego, Xosé Filgueira Valverde e X. Alonso Montero en canto expertos que cadran en postular que o nome emblema da cabeceira foi proposto por Castelao ao fato de amigos reunidos arredor dunha mesa do café pontevedrés Méndez Núñez: “Planearon alí mesmo o que, máis ou menos, sería a súa orientación… Tratouse de darlle nome e Castelao suxeriu o de “Nós”, que foi aceptado unánimemente”. Ora ben convén lembrar que ese pronome persoal colectivo que levaría como cabeceira a insigne publicación non era unha invención ex novo. Así se nomeara xa denantes o suplemento cultural “Nós. Páxinas gallegas” (1918-1919), do xornal El Noroeste da Cruña e xa o propio Castelao titulara así o seu “Álbum Nós” de debuxos exposto en 1920 no Círculo de Artesáns da Cruña (editado logo en 1931). Nós era un epígrafe con certa notoriedade como cabeceira de revistas da época (como a italiana Noi, a bonaerense Nosotros) pois, como ben advirte Luís Seoane no seu artigo édito no monográfico de homenaxe a Nós realizado pola Real Academia Galegas en 1970:

“Nas década dos anos vinte todas as afirmacións comezan co pronome persoal nós, coleitivamente, e en nome cuasi sempre dunha minoría. “Nós os inadaptados” é un ensaio do mesmo Risco pubricado polos anos trinta e algo que, polo seu esprito, lembrámolo como da década anterior… Tristan Tzara escribía, no mesmo ano da fundación da revista ourensán, pra o manifesto do dadaísmo: “os que están con nós conservan a súa liberdade”.

Rosalía, unha de Nós cen anos denantes de Nós: rosaliémonos!

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) está a preparar numerosos actos en lembranza do Día de Rosalía de Castro, a celebrar o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento. Este ano fanse os 175 anos e a AELG convidou aos centros de ensino e concellos a participar organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora. Unha delas é animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor ese mesmo día. A Asociación pro Centenario Nós 2020 engádese a esta iniciativa

Rosalía na nosa literatura
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Falando do proxecto do Burgomuseo da rúa da Paz

Artigo publicado en La Región de Ourense

O profesor Camilo Fernández Valdehorras, actual presidente da asociación pro Centenario Nós, e o arquitecto Xan Rodríguez, membro da Xunta Directiva, deron a coñecer en La Región o proxecto do Burgomuseo da rúa da Paz, en Ourense. Partindo da casa natal de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo a idea ten a intención de dinamizar económica e culturalmente non só a zona senón toda a cidade de Ourense.

Para esta nova instalación xa terían un nome de “Burgomuseo Literario e Antropolóxico de Ourense” (BLAURIA). A rúa da Paz debería, segundo Camilo Valdehorras, “ser declarada Rúa Maior da Cultura de Galicia, irmandada coa rúa de Abaixo de Rianxo, berce do genius loci ourensán”.

Primeiras verbas para definir un proxecto

Capa do primeiro número da revista "Nós" reeditada no seu 90 aniversario.

A revista Nós nacía un 30 de outubro de 1920 e no seu primeiro número xa se definia o seu ideario para con Galiza. Eis as primeiras verbas:

“Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós.
É a ansia qu´oxe sinte Galizia de vivir de novo, de voltar ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra, unha xeneración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d´integración da Patrea galega no seu xa rico poliformismo.
Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, intuicionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posiciós posibles respeito das catro antinomias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo da superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos.
Nós ha ser un estudio piedoso e devoto, cheo de sinceridade de tódol-os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra.
Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na súa ansia de s´afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.
Nós ha ser a afirmación pra sempre do verdadeiro der de Galizia, do Enxebrismo, no que ela tén, debe e quere persistire. O Enxebrismo é a nósa orixinalidade específica, a nósa capacidá de creación, o nóso autóctono dinamismo mental.
Querendo suprimir entremediarios antr´o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co´a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado.
Nada mais.
E, ós que s´asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden…
Nós conta achar agarimo e xenerosa axuda en todol-os que sintan d´iste xeito.
A todol-os que nos lean

SAÚDE E TERRA”.

Recuperar publicacións galegas históricas

Blogue "Publicacións galegas"

Hai uns meses comezou na rede o blogue Publicacións galegas, un principio de arquivo que tenta recuperar revistas e xornais históricos como Nós, A Fouce ou A Nosa Terra. A dispoñibilidade libre en formato pdf é, non por sinxela, unha moi boa idea que abrirá ,de certo, ás novas xeracións un contido ata agora só accesible nalgunhas bibliotecas, arquivos ou nalgunha cara edición facsimilar
Dende o inicio da súa andaina incluíron tamén revistas como Alento, Guieiro e Rexurdimento. Na última actualización, no mes de novembro de 2011, solicitaban a colaboración desinteresada daqueles/as que quixesen participar. Polo de agora os que visiten o blogue poderán ver dixitalizados os números.

Números dixitalizados
Do éxito da idea dan conta as máis de 6.880 visitas que tivo. No blogue hoxe podemos ver os cinco números da revista Terra, os 31 números do xornal A Fouce, os cinco primeiros da revista Nós, os dez primeiros de Guieiro, os dous primeiros de Alento e os dous primeiros do xornal A Nosa Terra.

Día das Letras galegas, festivo ou non?

Cartel realizado por Ainhoa Quintas Gómez, 1º ESO B do I.E.S. Xesús Ferro Couselo (Ourense)

Cando propuxemos o Día de Nós sabiamos que existía xa no país outro día dedicado a homenaxear as nosas letras: o Día das Letras Galegas. O 17 de maio naceu en 1963 e foi declarado día festivo por vez primeira en 1991, baixo o mandato de Manuel Fraga na Xunta de Galicia. Nos últimos tempos a idea de retirar a festividade xurdiu en varios sectores da cultura e dos medios de comunicación e agora é algún dirixente municipal e o propio goberno galego quen se está plantexando que sexa laborable. O alcalde da Coruña Carlos Negreira, por exemplo, propuxo hai pouco a substitución da xornada libre do Día das Letras pola declaración como festivo autonómico do 24 de xuño, San Xoán.
Entre as voces contrarias a retirada da festividade están a de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega. A favor o sector dos libreiros e outros intelectuais como Dolores Vilavedra ou  Miguel Anxo Fernán Vello. Que opinades sobre esta cuestión? Os comentarios do noso espazo na rede están abertos, participade.

Homenaxe a Arturo Noguerol

Presentación do libro no Centro Cultural da Deputación de Ourense

O intelectual e galeguista ourensán Arturo Noguerol tivo onte unha homenaxe máis que merecida. Familiares, autoridades políticas e culturais e numerosos veciños achegáronse ao número 12 da rúa Padre Feijóo para descubrir unha placa en lembranza deste persoeiro do Grupo Nós que foi represaliado e asasinado polos golpistas no ano 1936.
No Centro Cultural da Deputación de Ourense tivo lugar, despois, a presentación do libro “Ética e estética de Arturo Noguerol Buján” realizado polo investigador Fernando Román. Neste acto participaron, ademais das autoridades locais, Xaquín Monteagudo, da Irmandade Xurídica Galega; Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

Arturo Noguerol e o problema do traballo

Artigo publicado no nº 1 da revista Nós o 30 de outubro de 1920

Artigo publicado no nº 1 da revista Nós o 30 de outubro de 1920

Hoxe preséntase no Centro Cultural da Deputación de Ourense (Rúa do Progreso 30, ás 20 horas,), o libro Ética e estética de Arturo Noguerol Buján, de Jesús-Fernando Román Alonso. Precisamente un artigo do propio Arturo Noguerol, de actualidade polos temas que trata, entrou no primeiro número da revista Nós que se reeditou facsimilarmente co gallo do XC aniversario da súa publicación en Ourense.
O artigo, titulado “O problema do traballo en Galicia” fala da problemática laboral e social daqueles anos con verbas que hoxe poderían ter vixencia con afirmacións coma esta:

“Paréceme equivocada a opinión de certo políteco conservador, de quén agora m’esquezo, respeuto da convenenza de facer ós poucos e paseniñamente a reforma social, pois esta consuta equivale a convertir as chamadas leis sociais n-outras tantas reves feitas para contel-o movemento d’emancipanza da clás obreira”

Daquela a loita polos dereitos sociais era un básica como asegura nestoutro fragmento:

“É necesario tamén que s’estabreza n-a Galicia o seguro contr’o paro, a doenza, a inutilidade y-a vellez, si queremos que a civilanza gallega non sexa coma Saturno”

E nin digamos da polémica sobre os salarios e a competencia:

“É indispensabre ademais imprantar unha tasa outa dos precios e dos xornales para que a competencia non poda ter máis axuda que o milloramento da calidade dos produtos y-a baratura da mau d’obra (que non é a do xornal) e defedel-o nóso proletariado y-a nósa industria contr’a a invasión dos traballadores famentos que veñen d’algures contr’a a invasión dos produtos probes e contr’a políteca comercial das primas á exportación y-o dumping”

Actualizar a súa lectura be pode axudarnos a enteder o presente.

Ideas para celebrar o Día de Nós 2012

Acto do Día de Nós no Centro Cultural da Deputación de Ourense

Acto do Día de Nós no Centro Cultural da Deputación de Ourense

Xa temos as primeiras suxestións como adianto do programa de actos a celebrar o propio día 30 de outubro de 2012 en Ourense. A primeira sería a continuidade da Lectura pública da revista Nós, a realizar nos xardíns do Padre Feijoo de Ourense cun agasallo para os asistentes. Despois celebraríase o acto de entrega do Iº “Premio de Honra Nós á publicidade en galego non institucional” en recoñecemento aos anunciantes históricos da revista Nós de fóra de Ourense, non outorgados no acto do ano 2011. Esa mesma xornada teria lugar a Festa do Ourense modernista da Bela Auria.
Como novidades, aínda por concretar, adiantaríase un dos proxectos que con máis agarimo está a levar a asociación: a difusión da revista Nós. Neste caso trabállase na primeira Escolma da Revista Nós “Tradición e Humanidades.Mostrario enciclopédico I” que poderia estar na rúa para esa data.

Rede Nós
Ao longo do 2012 a asociación manterá contactos cos concellos das sete capitais de Galicia vinculadas de forma directa ou indirecta coa revista Nós e o movemento literario das Irmandades da Fala, a saber: Ourense, Pontevedra, A Coruña, Santiago; e máis Lugo, Ferrol e Vigo. A idea é promover a creación da “Rede Nós de cidades literarias de Galicia”.