Nós, un nome-manifesto

Castelao

Non hai unanimidade entre a crítica acerca de quen foi o padriño da criatura á hora de boutizala. Pero adúcese a autoridade de Francisco Fernández del Riego, Xosé Filgueira Valverde e X. Alonso Montero en canto expertos que cadran en postular que o nome emblema da cabeceira foi proposto por Castelao ao fato de amigos reunidos arredor dunha mesa do café pontevedrés Méndez Núñez: “Planearon alí mesmo o que, máis ou menos, sería a súa orientación… Tratouse de darlle nome e Castelao suxeriu o de “Nós”, que foi aceptado unánimemente”. Ora ben convén lembrar que ese pronome persoal colectivo que levaría como cabeceira a insigne publicación non era unha invención ex novo. Así se nomeara xa denantes o suplemento cultural “Nós. Páxinas gallegas” (1918-1919), do xornal El Noroeste da Cruña e xa o propio Castelao titulara así o seu “Álbum Nós” de debuxos exposto en 1920 no Círculo de Artesáns da Cruña (editado logo en 1931). Nós era un epígrafe con certa notoriedade como cabeceira de revistas da época (como a italiana Noi, a bonaerense Nosotros) pois, como ben advirte Luís Seoane no seu artigo édito no monográfico de homenaxe a Nós realizado pola Real Academia Galegas en 1970:

“Nas década dos anos vinte todas as afirmacións comezan co pronome persoal nós, coleitivamente, e en nome cuasi sempre dunha minoría. “Nós os inadaptados” é un ensaio do mesmo Risco pubricado polos anos trinta e algo que, polo seu esprito, lembrámolo como da década anterior… Tristan Tzara escribía, no mesmo ano da fundación da revista ourensán, pra o manifesto do dadaísmo: “os que están con nós conservan a súa liberdade”.

Advertisement