Nós, un nome-manifesto

Castelao

Non hai unanimidade entre a crítica acerca de quen foi o padriño da criatura á hora de boutizala. Pero adúcese a autoridade de Francisco Fernández del Riego, Xosé Filgueira Valverde e X. Alonso Montero en canto expertos que cadran en postular que o nome emblema da cabeceira foi proposto por Castelao ao fato de amigos reunidos arredor dunha mesa do café pontevedrés Méndez Núñez: “Planearon alí mesmo o que, máis ou menos, sería a súa orientación… Tratouse de darlle nome e Castelao suxeriu o de “Nós”, que foi aceptado unánimemente”. Ora ben convén lembrar que ese pronome persoal colectivo que levaría como cabeceira a insigne publicación non era unha invención ex novo. Así se nomeara xa denantes o suplemento cultural “Nós. Páxinas gallegas” (1918-1919), do xornal El Noroeste da Cruña e xa o propio Castelao titulara así o seu “Álbum Nós” de debuxos exposto en 1920 no Círculo de Artesáns da Cruña (editado logo en 1931). Nós era un epígrafe con certa notoriedade como cabeceira de revistas da época (como a italiana Noi, a bonaerense Nosotros) pois, como ben advirte Luís Seoane no seu artigo édito no monográfico de homenaxe a Nós realizado pola Real Academia Galegas en 1970:

“Nas década dos anos vinte todas as afirmacións comezan co pronome persoal nós, coleitivamente, e en nome cuasi sempre dunha minoría. “Nós os inadaptados” é un ensaio do mesmo Risco pubricado polos anos trinta e algo que, polo seu esprito, lembrámolo como da década anterior… Tristan Tzara escribía, no mesmo ano da fundación da revista ourensán, pra o manifesto do dadaísmo: “os que están con nós conservan a súa liberdade”.

Advertisement

Primeiras verbas para definir un proxecto

Capa do primeiro número da revista "Nós" reeditada no seu 90 aniversario.

A revista Nós nacía un 30 de outubro de 1920 e no seu primeiro número xa se definia o seu ideario para con Galiza. Eis as primeiras verbas:

“Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós.
É a ansia qu´oxe sinte Galizia de vivir de novo, de voltar ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra, unha xeneración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d´integración da Patrea galega no seu xa rico poliformismo.
Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, intuicionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posiciós posibles respeito das catro antinomias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo da superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos.
Nós ha ser un estudio piedoso e devoto, cheo de sinceridade de tódol-os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra.
Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na súa ansia de s´afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.
Nós ha ser a afirmación pra sempre do verdadeiro der de Galizia, do Enxebrismo, no que ela tén, debe e quere persistire. O Enxebrismo é a nósa orixinalidade específica, a nósa capacidá de creación, o nóso autóctono dinamismo mental.
Querendo suprimir entremediarios antr´o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co´a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado.
Nada mais.
E, ós que s´asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden…
Nós conta achar agarimo e xenerosa axuda en todol-os que sintan d´iste xeito.
A todol-os que nos lean

SAÚDE E TERRA”.

Recuperar publicacións galegas históricas

Blogue "Publicacións galegas"

Hai uns meses comezou na rede o blogue Publicacións galegas, un principio de arquivo que tenta recuperar revistas e xornais históricos como Nós, A Fouce ou A Nosa Terra. A dispoñibilidade libre en formato pdf é, non por sinxela, unha moi boa idea que abrirá ,de certo, ás novas xeracións un contido ata agora só accesible nalgunhas bibliotecas, arquivos ou nalgunha cara edición facsimilar
Dende o inicio da súa andaina incluíron tamén revistas como Alento, Guieiro e Rexurdimento. Na última actualización, no mes de novembro de 2011, solicitaban a colaboración desinteresada daqueles/as que quixesen participar. Polo de agora os que visiten o blogue poderán ver dixitalizados os números.

Números dixitalizados
Do éxito da idea dan conta as máis de 6.880 visitas que tivo. No blogue hoxe podemos ver os cinco números da revista Terra, os 31 números do xornal A Fouce, os cinco primeiros da revista Nós, os dez primeiros de Guieiro, os dous primeiros de Alento e os dous primeiros do xornal A Nosa Terra.

Arturo Noguerol e o problema do traballo

Artigo publicado no nº 1 da revista Nós o 30 de outubro de 1920

Artigo publicado no nº 1 da revista Nós o 30 de outubro de 1920

Hoxe preséntase no Centro Cultural da Deputación de Ourense (Rúa do Progreso 30, ás 20 horas,), o libro Ética e estética de Arturo Noguerol Buján, de Jesús-Fernando Román Alonso. Precisamente un artigo do propio Arturo Noguerol, de actualidade polos temas que trata, entrou no primeiro número da revista Nós que se reeditou facsimilarmente co gallo do XC aniversario da súa publicación en Ourense.
O artigo, titulado “O problema do traballo en Galicia” fala da problemática laboral e social daqueles anos con verbas que hoxe poderían ter vixencia con afirmacións coma esta:

“Paréceme equivocada a opinión de certo políteco conservador, de quén agora m’esquezo, respeuto da convenenza de facer ós poucos e paseniñamente a reforma social, pois esta consuta equivale a convertir as chamadas leis sociais n-outras tantas reves feitas para contel-o movemento d’emancipanza da clás obreira”

Daquela a loita polos dereitos sociais era un básica como asegura nestoutro fragmento:

“É necesario tamén que s’estabreza n-a Galicia o seguro contr’o paro, a doenza, a inutilidade y-a vellez, si queremos que a civilanza gallega non sexa coma Saturno”

E nin digamos da polémica sobre os salarios e a competencia:

“É indispensabre ademais imprantar unha tasa outa dos precios e dos xornales para que a competencia non poda ter máis axuda que o milloramento da calidade dos produtos y-a baratura da mau d’obra (que non é a do xornal) e defedel-o nóso proletariado y-a nósa industria contr’a a invasión dos traballadores famentos que veñen d’algures contr’a a invasión dos produtos probes e contr’a políteca comercial das primas á exportación y-o dumping”

Actualizar a súa lectura be pode axudarnos a enteder o presente.