Día de NÓS 2014

diadenosweb2

PROGRAMA XERAL DE ACTOS

Publicación dun BANDO da Alcaldía do Concello de Ourense. Publicación dun RECHAMO institucional da Presidencia da Deputación Provincial de Ourense. Publicación dun CONVITE do Vicerreitor da UVigo (Campus de Ourense) á comunidade do campus universitario. Decoración de escaparates das tendas do Centro Comercial Aberto con motivos, libros e obxectos alusivos ao “Día de Nós” e á Época Nós”. Xornadas de portas abertas da Casa natal e vital de VICENTE RISCO E RAMÓN OTERO PEDRAYO (rúa da Paz, 21 de Ourense), durante os días 29, 30 e 31 de outubro, de 18,30 a 21,30 h. Entrada de balde.

OFRENDA CÍVICA E MEMORIAL LITERARIO POLAS CAMPAS DOS MESTRES DE NÓS Lugar: cemiterio de San Francisco. Encontro na porta principal.Hora: 17,30h-18,30 h. Guiado por Camilo Fernández Valdehorras. Roteiro memorial dos escritores e artistas ourensás que descansan no camposanto de Montealegre, con especial lembranza dos Mestres de “Nós”, evocando perante as súas campas as súas vidas con lectura de breves textos das súas respectivas obras.

LECTURA PÚBLICA DA REVISTA NÓS E DO SEMPRE EN GALIZA DE CASTELAO.Lugar: Praza do Ferro (centro histórico de Ourense).Hora: 20,00 h-21,30 h.Actuación musical de Carmen Penim / 2naFronteira. Os textos a ler, de libre escolla, escolmaranse dos números da revista Nós correspondentes ao ano 1924 e 1934; e do Sempre en Galiza de Castelao, co gallo de se conmemorar o 70 aniversario da súa publicación en Buenos Aires/Montevidedo. A participación na lectura é libre e aberta, abonda con se inscribir media hora antes do comezo do acto. No eiró instalarase un estrado ou pequeno escenario iluminado, con megafonía. Disporase dun atril ou varios atrís e dun exemplar da edición facsimilar da revista Nós e do Sempre en Galiza de Castelao. Peche: Himno Galego.

SOMOS NÓS.Lugar: Café Cultural “El Pueblo” (rúa Samuel Eiján, 1)Hora: 22, 00h Unha ollada fresca e divertida sobre a poética contemporánea e a Época NÓS (1920-1936)Participantes: María Lado e Lucía Aldao.

Día das Letras Galegas, 50 anos

Aquí tedes a programación do Día das Letras Galegas 2013 en Ourense. Queremos compartir con vós este día tan especial no que se cumpren 50 anos de celebración. Música, teatro, debate, literatura e convivencia ao redor da figura de Roberto Vidal Bolaño.

Xardíns do Padre Feijoo

11:00h Inauguración dos actos polo Día das Letras Galegas coa actuación da Aula de Teatro Universitaria Cordelia

12:00h Concerto da Banda Municipal de Música e lectura de textos de Vidal Bolaño

Salón Nobre do Liceo de Ourense

13:00h Concerto do Coro da Universidade de Vigo e da Capela Madrigalista de Ourense

Ambigú das Letras – Patio de Columnas do Liceo de Ourense

19:30h Conversas en torno a Vidal Bolaño

21:30h Cea por un Teatro Popular

22:00h Concerto Tenor de All Latin Jazz e lectura de textos de Vidal Bolaño

Imaxe

Concello e Deputación de Ourense encabezarán a Comisión institucional proCandidatura de Ourense e rede-Nós de cidades literarias de Galicia á capital europea da Cultura 2020

Asemblea celebrada nas instalacións do Liceo de Ourense

Asemblea celebrada nas instalacións do Liceo de Ourense

A “Asociación proCentenario de Nós 2020” (ApCNós 2020), entidade legalmente constituída en xuño de 2011, mantivo nas últimas semanas varias reunións coa Deputación e o Concello de Ourense coa intención de presentar a cidade de Ourense como cabezaleira á fronte dunha candidatura de toda Galicia, vertebrada na “Rede-Nós de cidades literarias (Pontevedra, A Coruña, Santiago e máis Lugo, Ferrol e Vigo), á Capitalidade Cultural europea para o 2020, ano en que se conmemora a efemérides do centenario da revista Nós, a máis importante da Cultura galega contemporánea. Tanto José Manuel Baltar, presidente da Deputación, como Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, e Isabel Pérez, tenente de Alcalde da cidade, confirmaron a súa total disposición a integraren e impulsaren o proxecto encabezando a Comisión Institucional. Así mesmo, a Universidade de Vigo no seu Campus de Ourense, a través da súa vicerreitora María Lameiras, amosou a súa adhesión e respaldo á iniciativa. A Asociación civil promotora traballa arestora con entidades públicas e privadas de todo o país para que nesa Comisión Institucional participen, ademais, outros organismos, colectivos galeguistas e institucións públicas e privadas, tanto ourensás como do resto de Galicia, do Estado e da diáspora exterior, unidas por un obxectivo común e superior: acadar unha candidatura integradora que vigorice o magno patrimonio literario de Galicia, (latino, galaico e español nucleado polas letras galegas), proxectándoo en España, en Europa e no mundo.

Primeira xunta directiva

Logo dun período preliminar rexido por unha Xestora, dende decembro de 2011 a “Asociación proCentenario de Nós 2020” conta coa primeira xunta directiva, completada recentemente en asemblea. Nela figuran como presidente o profesor e escritor Camilo Fernández Valdehorras e José Eduardo López Pereira, actual director da Acsug, como vicepresidente; o periodista Xosé Lois Carrión, secretario xeral; o avogado Antón Vidal, asesor xurídico, o historiador-xornalista Antón Escuredo, responsable de Comunicación. E nove vogais: Segismundo Bobillo, Xan Rodríguez González, José Antonio Santos, Martiño Ramos, Xosé Ramón Quintana, Christina Moreira, Fernando Román, o tradutor inglés Jonathan Dunne e o profesor norteamericano John Patrick Thomson. O filósofo Victorino Pérez Prieto é o secretario técnico.

Actividades 2012

Sen perder de vista a perspectiva da celebración en 2020 do “Congreso Universal da Cultura Galega”, a ApCNós 2020 está a artellar tamén neste momento un programa de actividades para o 2012 agrupadas en tres fitos: a celebración unitaria en Ourense da conmemoración do “Día das Letras Galegas”, ao redor das figuras de Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, rematado cunha “Gala Internacional das Letras Galegas”; a preparación dun Curso de Verán na UdV-Campus de Ourense sobre “Os nós de Nós e nosoutros”; e a terceira edición do “Día de Nós, Día da Nación-Cultura Galega” para o vindeiro 30 de outubro en que, entre outros actos, se entregará o Iº Premio de Honra Nós á publicidade non institucional en galego.

Baixo as divisas “Por unha Galicia pangaleguista, por unha sociedade de lectores e por unha democracia ética”, a “Asociación proCentenario de Nós 2020” asume como alicerce permanente do seu labor a valorización do legado da Revista Nós (1920-1935), da longa Época Nós (1916-1950) e do seu canon autorial en tres frontes: a democratización social, popularización e divulgación; a revisión crítica, investigación científica e revalorización hermenéutica; e a súa internacionalización e exportación peninsular e europea.


Asemblea Xeral Extraordinaria para o 2 de marzo

Acto do Día de Nós 2011

Todas as persoas, grupos, fundacións e institucións compromisarios da “Asociación pro-Centenario Nós 2020” están convocados a unha asemblea xeral extraordinaria que vai ter lugar no Liceo de Ourense o vindeiro venres, 2 de marzo de 2012 ás 19,30 h. en primeira convocatoria e ás 20,00 h. en segunda convocatoria.

Na orde do día trataránse varios temas. Ademais da aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior, presentarase o informe de xestión, a cargo do Presidente e do Secretario Xeral: entrevistas institucionais, e “Manifesto cívico a prol da candidatura de Ourense e a rede-Nós de cidades literarias de Galicia á capitalidade europea 2020”. Daquela, presentaranse as candidaturas e elección dos cargos vacantes da executiva: Vicepresidente, Tesoureiro e Vogais.

Actividades 2012

Na mesma asemblea falarase de propostas concretas de actividades para este mesmo ano como son o Programa “Letras Galegas 2012” en Ourense e un “Curso de Verán Nós 2012”, en colaboración coa Universidade de Vigo-Campus de Ourense e varias fundacións galeguistas. Tamén farase público o logo, imaxe gráfica e dossier de presentación pública da Asociación.

Para rematar haberá varias propostas para a campaña de captación de socios e socias da Asociación e a entrega de carnés.

Nós, un nome-manifesto

Castelao

Non hai unanimidade entre a crítica acerca de quen foi o padriño da criatura á hora de boutizala. Pero adúcese a autoridade de Francisco Fernández del Riego, Xosé Filgueira Valverde e X. Alonso Montero en canto expertos que cadran en postular que o nome emblema da cabeceira foi proposto por Castelao ao fato de amigos reunidos arredor dunha mesa do café pontevedrés Méndez Núñez: “Planearon alí mesmo o que, máis ou menos, sería a súa orientación… Tratouse de darlle nome e Castelao suxeriu o de “Nós”, que foi aceptado unánimemente”. Ora ben convén lembrar que ese pronome persoal colectivo que levaría como cabeceira a insigne publicación non era unha invención ex novo. Así se nomeara xa denantes o suplemento cultural “Nós. Páxinas gallegas” (1918-1919), do xornal El Noroeste da Cruña e xa o propio Castelao titulara así o seu “Álbum Nós” de debuxos exposto en 1920 no Círculo de Artesáns da Cruña (editado logo en 1931). Nós era un epígrafe con certa notoriedade como cabeceira de revistas da época (como a italiana Noi, a bonaerense Nosotros) pois, como ben advirte Luís Seoane no seu artigo édito no monográfico de homenaxe a Nós realizado pola Real Academia Galegas en 1970:

“Nas década dos anos vinte todas as afirmacións comezan co pronome persoal nós, coleitivamente, e en nome cuasi sempre dunha minoría. “Nós os inadaptados” é un ensaio do mesmo Risco pubricado polos anos trinta e algo que, polo seu esprito, lembrámolo como da década anterior… Tristan Tzara escribía, no mesmo ano da fundación da revista ourensán, pra o manifesto do dadaísmo: “os que están con nós conservan a súa liberdade”.