El que foi do “Día de Nós” e da Nación-Cultura galega?

IMG_20181030_113210_601.jpg

RECHAMO POR SE ACASO Á PROL DO “DÍA DE NÓS”, A NACIÓN-CULTURA GALEGA”

Hai agora nove anos, co gallo da conmemoración do 90 aniversario da revista Nós, o Concello de Ourense e a Deputación de Ourense a proposta da Comisión pro Centenario de Nós 2020 publicaron senllas declaracións institucionalizando na cidade de Ourense a data do 30 de outubro como “Día de Nós, a nación-cultura galega”.
Na case unha década transcurrida ata agora,  os membros da “Asociación proCentenario de Nós…” (ApCNós2020) crémolo e fixemos propias as promesas e as esperanzas organizando sucesivas programacións con mentes de manter viva a conmemoración do “Día de Nós” na cidade como evento de referencia. Así, ano tras ano asumimos en solitario o compromiso de  ir pondo os alicerces preparatorios do tecido sociocultural e da opinión pública (intelectuais, partidos políticos, colexios profisionais, centros de ensino, asociacións civís, sindicatos, etc) cara a celebración en 2020 do Centenario de Nós coa participación social, o esplendor crítico, o proveito paidético e a difusión internacional que o evento esixe. 
Se cadra, para os desinformados non sobexará lembrar que a revista Nós non foi só unha  revista literaria de mérito, ou unha publicación erudita para autoconsumo dun fato de especialistas: foi a primeira enciclopedia cultural escrita en idioma galego da nosa historia. E unha plataforma de creación interxeracional emblemática para os propios contemporáneos por reflectiren as súas páxinas a modernidade do pensamento e da prosa galega como nunca dantes. Próbao o feito que nos seus escasos 13 anos de vida  participaron nela preto de 200 autores de todas ideoloxías políticas e dun amplo abano profisional, con artigos nunha miríada de asuntos e temas que nimbaron Galiza como nación política e cultural  madurecida. Teimando no vello afán de convertela -como Antoíño Faraldo demandara no seu rechamo a prol da “Grande Obra”- dunha colonia excéntrica de Madrid no centro motor de si mesma. “Célula de universalidade”.
Tampouco conviña menosprezar que foi Nós a revista que máis e mellor logrou prestixiar o Galeguismo nazonalista de preguerra co formento do ideario humanista, científico e universalista. Ideario que nutriu o proceso e inspirou a masa crítica da que abrollou o Partido Galeguista en 1931 e o propio Estatuto de Autonomía de Galicia, refrendado en xuño de 1936: proceso do que dimanaron, a través dos pactos da Transición de 1978, os dereitos históricos que fan arestora de Galicia “unha nacionalidade” recoñecida na Carta Magna española que lle outorga o desempeño dunha Autonomía política de seu dentro do Reino de España. E non é xusto invisibilizar, en fin, que foron os “nosianos” quen acuñaron o concepto de Galiza “Nación-cultura” de Occidente, rubricada pola Sociedade das Nacións, condición que a faculta para devir suxeito político pleno, de así o afirmar a vontade da maioría dos seus habitantes.
 
Con todo, alén de todas estas consideracións historicistas, culturais e políticas, o certo é que arestora, dado o escaso éxito na resposta social e o mínimo interese amosado polas institucións locais no acompañamento dos actos, a efemérides do “Día de Nós” está a esmorecer. Sen que ninguén nin ren pareza sentilo na cidade nin, alén dalgúns amigos xornalistas dos medios locais, a bote en falla… 
Daquela, nós que a vimos nacer, convitos da verdade do adaxio que asevera que quen fai o que pode fai o que debe, co gallo deste “Día de Nós 2018” sen programación de actos oficiais nin extraoficiais,  instamos máis unha vez aos ourensáns e ourensás a abriren a consciencia á tradición cultural que atesoura a cidade e facérense responsabeis activos do seu legado cívico por medio do seguinte rechamo:
  1. a afirmar a primoxenitura histórica de Ourense non só na edición da revista Nós en 1920 senón tamén na modernización/ vertebración cultural de Galiza levada a cabo, xunto co “Movemento das Irmandades da Fala”, pola intelectualidade da que chamamos “Longa Época Nós” (1920-1976) encabezada polo insigne Grupo ourensán (Risco, Otero, Losada,  Noguerol, Cuevillas…);
  1. a constituír a non-nata “Comisión Ourensá Procentenario de Nós” sen máis dilación en xaneiro de 2019, a fin de se integrar formalmente con voz e voto propios na organización gubernamental posta en marcha hai uns meses para esa efemérides pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia;
  1. e a instar ás institucións locais (Concello de Ourense, Deputación de Ourense, delegación do Goberno de Ourense…), xestoras dos recursos públicos, a provisión dun orzamento específico en 2019 para levar a cabo unha programación ampla e diversa das Vísporas do Centenario de Nós, destinada ao lecer e ao cultivo dos ourensáns e as ourensás nas excelencias do seu patrimonio.
Ben sabemos que contra o que profetizara o vello Eduardo Pondal, “os tempos non son chegados”, vaiche boa! Pro temos ben aprendido a custa de privacións e escarmentos aquilo que nos ensinou o mestre Risco, xenial director da revista Nós: “Ourense non ten mar, non ten aeroporto, non ten petróleo…. pero tennos a nós”. A ver logo se é verdade.
Camilo F. Valdehorras

Podes ler o artigo en Praza na seguinte ligazón.

http://praza.gal/opinion/4897/el-que-foi-do-dia-de-nos-e-da-nacion-cultura-galega/

Advertisement

Día de NÓS 2016

Día de NÓS 2016.jpgDíA DE NÓS 2016: 30 DE OUTUBRO

A prol da nación-cultura galega

VII edición

Venres, 28 de outubro de 2016

PROGRAMA DE ACTOS

17.30 h – 18.30 h: Ofrenda memorial aos mestres de Nós e aos escritores e ás escritoras ourensáns.

Roteiro literario polas campas das seguintes figuras literarias dos séculos XIX e XX: Valentín Lamas Carvajal, X.A. Saco e Arce, Marcelo Macías, Floro López Alonso-Cuevillas, X.R. Fernández Oxea “Ben Cho-Shey”, Familia Noguerol Buxán, R. Otero Pedrayo, Xavier Prado “Lameiro”, Antón Tovar, Xurxo e Xaquín Lorenzo “Xocas”, E. Blanco Amor e J.A. Valente.

Lugar: Camposanto de San Francisco de Ourense.

19.15 h-19.45 h: “Saúde e Terra, irmá(n)s!”.

Visita guiada á exposición conmemorativa do centenario da fundación das Irmandades da Fala. Cunha laudatio ao “Grupo Nós” ourensán.

Lugar: Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación Provincial de Ourense.

Guía e semblanzas a cargo de Camilo Fernández Valdehorras, profesor universitario e escritor.

ORGANIZA:

Asociación proCentenario de Nós 2020 (ApCNós 2020).

Colaboran:

Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación Provincial de Ourense.

Fundación Uxío Novoneyra

Asociación A Bela Auria

Día de NÓS 2015

Día de NÓS 2015 E

SERMOS CULTOS é SERMOS LIBRES
“Os Pobos soamente son grandes pola súa Cultura”.
“NÓS ha de ser a representación no mundo da personalidade galega na súa ansia de se afirmar como valor universal, autóctono e diferenciado, dentro e fóra da Terra. NÓS ha de ser a afirmasción para sempre do verdadeiro ser de Galiza…”, “Primeiras Verbas”. Revista Nós (Ourense 1920­ Compostela 1936).

Chega a VI conmemoración do Día de NÓS a Ourense organizada pola Asociación proCentenario de Nós 2020. Velaquí tedes a programación:

Ofrenda cívica e memorial literario polas campas dos Mestres de Nós e os escritores de Ourense
Lugar: cemiterio de San Francisco. Xardín de acceso Horas: comezo ás 17,30 h.; remate ás 18,30/19,00 h.
Guiado por Camilo Fernández Valdehorras.
Escritor e profesor de Filoloxía. Presidente da Asociación proCentenario de Nós 2020.
Roteiro memorial dos escritores/as e intelectuais ourensáns/ás que acougan no camposanto de Montealegre, con especial lembranza aos Mestres da revista Nós e da “Época Nós da Cultura Galega” (1916­1936), evocando perante as súas campas valores perdurábeis das súas vidas e Precursores dezanovistas: Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1844­1906); Xoán Antón Saco e Arce (Alongos, Toén­Ourense, 1835­1881); Marcelo Macías García (Astorga, 1843­ Nosianos vintistas: Xosé Ramón e Fernández Oxea “Ben­Cho­Shey” (Ourense, 1896­ Madrid, 1988); Xavier Prado Rodríguez “Lameiro” (Ourense, 1874­1942); Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897­Vigo, 1979); Florentino López Alonso­Cuevillas (Ourense, 1886­1958);
Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888­1976); Arturo Noguerol Buján (Ourense, 1892­ Serantes­Ferrol, 1936); Xaquín Lorenzo Fernández “Xocas” (Ourense, 1907­Lobeira, 1989); Xurxo Lorenzo Fernández (Ourense, 1910­Zaragoza, 1934); José Ángel Valente Docasar (Ourense, 1929­ Xenebra, 2000).

Concerto de 2 na fronteira:
O dúo formado po Carmen Penim  e Maurizio Polsinelli estrea do álbum musical “Sons de Nós” sobre poemas escolleitos de colaboradores da revista Nós (1920­1936).
Lugar: Salón de columnas do Liceo de Ourense Hora: 20,30 h.
Presentación do repertorio de cancións do cd­disco “Sons de Nós”, adicado a exaltar os valores da poesía dos escritores da Época Nós da Cultura Galega, colaboradores da revista Nós (Ourense, 1920­Compostela, 1936).

DÍA DE NÓS 2015 a Nación­Cultura galega – VI conmemoración – venres 30 de outubro de 2015
Por “Nós”: unha galicia pangaleguista unha sociedade de lectores unha nación soberana unha democracia ética.

Organiza: ApCNós2020
Patrocinan: Concello de Ourense e Deputación Provincial de Ourense
Colaboran: Liceo de Ourense, Vicerreitoría da Universidade de Vigo­Campus de Ourense, Fundación Novoneyra e
Grupo AuriaNós

Día de NÓS 2014

diadenosweb2

PROGRAMA XERAL DE ACTOS

Publicación dun BANDO da Alcaldía do Concello de Ourense. Publicación dun RECHAMO institucional da Presidencia da Deputación Provincial de Ourense. Publicación dun CONVITE do Vicerreitor da UVigo (Campus de Ourense) á comunidade do campus universitario. Decoración de escaparates das tendas do Centro Comercial Aberto con motivos, libros e obxectos alusivos ao “Día de Nós” e á Época Nós”. Xornadas de portas abertas da Casa natal e vital de VICENTE RISCO E RAMÓN OTERO PEDRAYO (rúa da Paz, 21 de Ourense), durante os días 29, 30 e 31 de outubro, de 18,30 a 21,30 h. Entrada de balde.

OFRENDA CÍVICA E MEMORIAL LITERARIO POLAS CAMPAS DOS MESTRES DE NÓS Lugar: cemiterio de San Francisco. Encontro na porta principal.Hora: 17,30h-18,30 h. Guiado por Camilo Fernández Valdehorras. Roteiro memorial dos escritores e artistas ourensás que descansan no camposanto de Montealegre, con especial lembranza dos Mestres de “Nós”, evocando perante as súas campas as súas vidas con lectura de breves textos das súas respectivas obras.

LECTURA PÚBLICA DA REVISTA NÓS E DO SEMPRE EN GALIZA DE CASTELAO.Lugar: Praza do Ferro (centro histórico de Ourense).Hora: 20,00 h-21,30 h.Actuación musical de Carmen Penim / 2naFronteira. Os textos a ler, de libre escolla, escolmaranse dos números da revista Nós correspondentes ao ano 1924 e 1934; e do Sempre en Galiza de Castelao, co gallo de se conmemorar o 70 aniversario da súa publicación en Buenos Aires/Montevidedo. A participación na lectura é libre e aberta, abonda con se inscribir media hora antes do comezo do acto. No eiró instalarase un estrado ou pequeno escenario iluminado, con megafonía. Disporase dun atril ou varios atrís e dun exemplar da edición facsimilar da revista Nós e do Sempre en Galiza de Castelao. Peche: Himno Galego.

SOMOS NÓS.Lugar: Café Cultural “El Pueblo” (rúa Samuel Eiján, 1)Hora: 22, 00h Unha ollada fresca e divertida sobre a poética contemporánea e a Época NÓS (1920-1936)Participantes: María Lado e Lucía Aldao.

Día das Letras 14 #DíazCastro

PROGRAMA

 VENRES 16

CLAUSTRO DE SAN FRANCISCO

20:00h_ Inauguración de actividades

20:30h_ Concerto de 2NAFRONTEIRA ”Uns Zapatiños para Díaz Castro”

21:30h_ Ambigú das letras (pestiscos e bebidas 5 eur)

22:00h_ Concerto de Terra Morena “Tocando Zeca Afonso”

 

SÁBADO 17

PRAZA DE SAN MARTIÑO

11:45h_ Inauguración “Día das Letras 14”

12:00h_ Concerto Banda Municipal de Música

12:50h_ Lectura de poemas de Díaz Castro

LICEO DE OURENSE – SALÓN NOBRE

13h_ Actuación do Coro Universitario do campus de Ourense – Schola Cantorum

 BANCO DE ESPAÑA

19h_Mesa redonda-coloquio “Nimbos de X.M.Díaz Castro, a Poesía hoxe e a Galicia penelopea”.

Participantes:

-Claudio Rodríguez Fer, poeta, escritor, ensaísta e catedrático de Literatura española da Universidade de Santiago (Campus de Lugo)

-Camilo Fernández Valdehorras, escritor e profesor de filoloxía románica, galega e portuguesa da Universitat de Barcelona

-Millán Picouto, poeta, dramaturgo e profesor de música.

 ÁREA ARQUEOLÓXICA DAS BURGAS

20:30h_ DandyLady “Desassossego”

21:15h_ Ambigú das letras (pestiscos e bebidas 5 eur)

21:30h_ Fantoches Baj “O Asombro con Díaz Castro”

Día das Letras 14 #DíazCastro

Día de Nós 2013

O vindeiro  30 de outubro cúmprense 94 anos desde que saiu do prelo o primeiro número da revista Nós. Desde a Asociación Pronós2020 celebramos un ano máis esta efeméride singular e central na historia de Ourense. Todas as actividades están abertas ao público, agardamos vervos alí!

29 de Outubro ENCONTRO CÍVICO DA RÚA DA PAZ (antiga Rúa dos Zapateiros)

  • 19.30 h. Encontro de antigos veciños maiores de 80 anos na Livraría Torga (Ventos do Sul)
  • 20.30 h. Paseo cívico pola rúa da Paz (antiga rúa dos Zapateiros)  coa intervención musical da Coral de Ruada de Ourense.
  • 21.30 h. “O feitizo das ruínas”. Xornada de portas abertas da casa natal-vital de Vicente Risco e R. Otero Pedrayo. Número 21 da  rúa da Paz.
  • 21.30 h. Convivio con viño e petiscos. Xentileza e servizo dos hostaleiros da rúa da Paz. Rúa da Paz

30 de Outubro  “DÍA DE NÓS”

  • 17,00 h. Acto festivo e ofrenda floral no Cemiterio de San Francisco:
    •   Lectura da declaración institucional do “Día de Nós” no adro do Cemeterio.
    •   Roteiro memorial e ofrenda floral polo cemeterio en alaudo dos escritores i escritoras da cidade de Ourense, cunha mención especial á Xeración Nós, guiado por Camilo Valdehorras.
  • 21,00 h. “LerNós”,unha noite de literatura, poesía e teatro  coa colaboración de Iria Pinheiro, Celia Parra, Manuel Outeiriño e A RunRun Teatro. Será no Grándola, na Praza de San Marcial.

Día das Letras Galegas, 50 anos

Aquí tedes a programación do Día das Letras Galegas 2013 en Ourense. Queremos compartir con vós este día tan especial no que se cumpren 50 anos de celebración. Música, teatro, debate, literatura e convivencia ao redor da figura de Roberto Vidal Bolaño.

Xardíns do Padre Feijoo

11:00h Inauguración dos actos polo Día das Letras Galegas coa actuación da Aula de Teatro Universitaria Cordelia

12:00h Concerto da Banda Municipal de Música e lectura de textos de Vidal Bolaño

Salón Nobre do Liceo de Ourense

13:00h Concerto do Coro da Universidade de Vigo e da Capela Madrigalista de Ourense

Ambigú das Letras – Patio de Columnas do Liceo de Ourense

19:30h Conversas en torno a Vidal Bolaño

21:30h Cea por un Teatro Popular

22:00h Concerto Tenor de All Latin Jazz e lectura de textos de Vidal Bolaño

Imaxe

Día de NÓS 2012

Programa de actos do Día de NÓS 2012

POR “NÓS”:

unha galicia pangaleguista,

unha sociedade de lectores,

unha democracia ética.

 12,30 h.-13,30 h. Xardíns e Praza do Padre Feijoo, ou Salón Nobre do Liceo-Recreo de Ourense (por imperativos meteorolóxicos).

1. Lectura pública da revista Nós, a cargo dos directivos/as, socios/as e compromisarios da ApCNós2020 . Mantedor: Uxío Novoneira. Lectores convidados:  Sarabela Teatro.

2. Lectura do Manifesto “Ourense 2020: capital galega da Literatura e procandidatura a capital europea da Cultura”. Inicio da campaña de recollida de asinaturas a prol do manifesto.

3. Peche: Himno Galego.

17,30 h.-18,30 h. Camposanto de San Francisco.

1. Ofrenda cívica aos escritores e artistas ourensáns, a cargo da ApCNós2020 e representantes de institucións e entidades locais e provinciais.

2. Roteiro-memorial guiado por Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da “Asociación proCentenario de Nós 2020” co acompañamento musical dun gaiteiro.

En 2010 o Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense, co gallo de se cumprir daquela o noventa aniversario da publicación da revista “Nós” declarou o día 30 de outubro “festa local de interese cívico-cultural” na cidade de Ourense.

Tal fito anual apunta a outro final: conmemorar en 2020 o centenario da revista “Nós” como grande conmemoración da Galeguidade mundial, un evento “pangaleguista” que arelamos cumíe, entre outras iniciativas, coa celebración dun magno Congreso Global da Cultura Galega no que participen todos os sectores concernidos, así da Terra como da Diáspora.

 Arestora a “Asociación proCentenario de Nós 2020” (ApCNós2020), logo das dúas edicións precedentes e consonte os seus estatutos e plans socioculturais, relanza o compromiso de consolidar esta “festa cívico-cultural” da nosa Cultura clásica co presente programa de actos. E faino cun dobre rechamo ás institucións cabezaleiras da cidade e ás entidades públicas e privadas compromisarias: sermos conscientes do magno patrimonio literario-cultural que Ourense e Galicia atesouran; e do imperativo urxente de inverter a tendencia imposta polas trabucadas políticas vixentes de relear recursos públicos para o desenvolvemento dos sectores educativo, mediático e creativo, en especial os relativos á industria tecnocultural, convencidos de que a angueira de investir para democratizar, co debido rigor, a alta cultura e a grande literatura propias en idioma galego é un labor estratéxico a prol da sustentabilidade de Galicia como “nacionalidade histórica”, ou sexa como nación-cultura hispánica, peninsular e europea.

 Alén de relicario das esencias patrias como moitos propalan, a revista “Nós” foi en realidade a primeira enciclopedia científica das Humanidades de Galicia escrita en lingua galega. O “Día de Nós” xorde pois en homenaxe non só memorialista senón revitalista dese patrimonio identitario, exaltándoo no seu conxunto en dous sensos: dun lado, como paideia que guía a alta Cultura galega trenzada nos seis rubros clásicos: geos, (a Terra), cronos (a Historia), etnos (o Pobo), logos (a Lingua) e sofos (o Pensamento) do que a poiesis (as Letras) é a expresión circia, perdurabel e requintada; e doutro, como tradición persoal e colectiva na que arraíza a cosmovisión e a sensibilidade de cada unha das galegas e cada un dos galegos que nos sentimos formantes dunha nación-cultura orixinal da Humanidade.

 Apertados a ese ideario e compromiso os membros da “Asociación proCentenario de Nós 2020” instamos á cidadanía a participar máis unha anada na celebración do “Día de Nós”.

Simposio sobre a Época Nós

O Curso de extensión universitaria/simposio de verán A crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de “NÓS”.  A revista “Nós”, a Época Nós, o legado do “Grupo Nós” ourensán e o patrimonio literario-cultural de Ourense, organizado pola Asociación proCentenario Nós 2020 coa  Universidade de Vigo-Campus de Ourense, celebrouse tal como estaba previsto entre o 25 e o 28 de setembro de 2012,.

Os espazos de ralización das conferencias e mesas redondas cos seus relatorios e comunicacións foron: a Sala Emilia Pardo Bazán e a Aula de Graos do Campus Universitario da UdV-Ourense, o Paraninfo do IES “Otero Pedrayo” de Ourense, o Salón de actos do Liceo de Ourense, e o Auditorio da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba.

O curso desenvolveuse segundo o previsto na programación , ainda que o Programa inicial tivo que sufrir algúns pequenos cambios, debidos a ausencias de ultima hora de algún dos conferencias e relatores. Con todo, non tivo o eco agardado na sociedade ourensá; eses días collida pola operación Pokemon e adetención do alcalde a outros persoeiros do  concello.